Galegas 2020

Luís Bará: “Se a xente que quere cambio vai votar o 12X somos quen de facer historia”

Acto Vilaboa
Acto Vilaboa

O cabeza de lista do BNG subliñou que non hai nada decidido e que é preciso concentrar no Bloque o voto “da ilusión” por ser a alternativa real ao Partido Popular

Dende a canteira de Paredes, un espazo que Bará axudou a recuperar dende hai 30 anos, asegurou que os soños acábanse cumprindo: “Tamén se cumprirá o de ter de presidenta a Ana Pontón”

Dende o lugar no que comezou a súa traxectoria de compromiso social e político, a canteira de Paredes en Vilaboa, o cabeza de cartel do BNG Luís Bará pediu hoxe unha mobilización masiva das persoas que queren construír unha nova Galiza e concentrar todo o voto de cambio real no Bloque como a mellor alternativa para deixar atrás once anos de parálise. “Se toda a xente que quere un cambio acude o 12X ás urnas, somos quen de facer historia e conseguir que unha muller nacionalista, Ana Pontón, chegue á presidencia da Xunta para abrir un tempo novo para Galiza”, subliñou.

Bará fixo unha apelación directa ás persoas que están indecisas, que segundo as enquisas son máis de 700.000, para que acudan a votar o vindeiro domingo “con ilusión” e coa papeleta do Bloque na man, xa que é a que representa a verdadeira alternativa ao PP e a Feixóo. “Temos un proxecto claro, de futuro, de solvencia demostrada e a mellor líder que se pode ter. Queremos que Galiza sexa un referente no mundo, e se todas as persoas que queren cambio concentran o voto no BNG podemos dar a campanada e que se lle atragante o día 12 a Feixóo”, subliñou.

O nacionalista subliñou que hai partido e non está nada decidido, xa que con que o PP perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta. Fixo fincapé en que nestas eleccións o BNG ten dous grandes obxectivos: “derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e derrotar ao mesmo tempo o centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón”.

Dende Paredes Bará afirmou que o BNG está preparado para gobernar e coller o mando e a dirección do país cun proxecto propio, transformador, pensado dende e para Galiza e a súa maioría social que servirá “para rematar con este tempo de parálise do Parido Popular que converteu Galiza nun país co motor parado”. Segundo explicou o candidato, a primeira medida do BNG de Ana Pontón para facerlle fronte á crise no goberno galego será tecer un grande acordo ou grande coalición institucional e social polo futuro de Galiza para a reactivar a economía, o impulso e a modernización de país.

Acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo e da portavoz municipal Ornela Fernández, Bará –orixinario de Vilaboa- lembrou que hai 30 anos foi partícipe da creación dunha asociación veciñal para recuperar o espazo da Canteira de Paredes, onde, despois dende a Xunta de Galiza, colaborou para a construción do centro cultural que alí hai, “sendo hoxe un espazo recuperado, utilizado e que acolle un festival de música, o Canteira Fest, que está promovido pola mocidade de Vilaboa e que é un referente tanto a nivel local como a nivel galego”. “O de hoxe é un día de moito orgullo e de moita alegría por volver e ver que o que empezamos un grupo de persoas hai 30 anos está dando froitos e florecendo. Os soños acábanse cumprindo. Tamén o de ter unha presidenta –Ana Pontón- se acabará cumprindo”, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG