Galegas 2020

Luís Bará: “Queremos mobilizar ás 700.000 persoas indecisas para conseguir o cambio galego con Ana Pontón de presidenta”

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

O cabeza de lista do BNG destacou en Vilagarcía que “hai partido e non está nada decidido” e que quedar na casa “é darlle o voto ao PP”

O deputado Néstor Rego afirmou que Ana Pontón, a diferenza do resto dos candidatos do PP, do PSOE e doutras forzas, “plantarase con firmeza diante de Madrid para reclamar o que en xustiza corresponde a Galiza”

“Queremos mobilizar ás 700.000 persoas indecisas para conseguir o cambio galego con Ana Pontón de presidenta”. Así o indicou hoxe en Vilagarcía o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, onde destacou que a maioría social que quere cambio ten que converterse o12X nunha maioría electoral “para mandar o Partido Popular á oposición, como xa pasou nas principais vilas e cidades do país e tamén nas deputacións”.

Bará subliñou a necesidade de concentrar no BNG o voto da xente galeguista, nacionalista e que quere a Galiza, instou á mobilización, e destacou que tanto a abstención como o voto que non vaia para o Bloque será “darlle o voto ao Partido Popular”: “Hai que darlle o finiquito ao PP, confinalo na oposición, mandalo para Madrid que é onde quere estar. Hai que ter claro que hai partido, non hai nada decidido, senón que se decide todo o 12X nas urnas. Nós saímos a por todas. Saímos a gañar. O futuro é noso”, indicou o cabeza de cartel.

O nacionalista destacou no mitin –acompañado por Montse Pradro, Sandra Fernández Agraso, Xosé Leirós e Lucía César Beloso- que o BNG de Ana Pontón está nun proceso de medre imparable. Salientou que vai ter un grande resultado o 12X, pero matizou que o Bloque non se presenta para iso, “senón para facer historia, poñer en marcha o cambio galego, abrir un tempo novo e darlle esperanza e futuro ao país”.

Acto Vilagarcía de ArousaO BNG está preparado para gobernar, dixo Bará, para coller o mando e a dirección do país e poñelo en marcha, xa que ten un proxecto propio transformador pensado para Galiza e a súa maioría social que servirá “para rematar con este tempo de parálise do Parido Popular que converteu Galiza nun país co motor parado”. O Bloque, insistiu “quere activar o país, poñelo en marcha, poñelo a producir, desenvolver toda a súa capacidade e potencial e riqueza no agro, no mar, no monte, na enerxía, no coñecemento, na cultura, e eses recursos poñelos ao servizo do país e da maioría social e non dos intereses das grandes empresas madrileñas e estranxeiras para as que traballan as forzas estatais”.

Segundo explicou o candidato, a primeira medida do BNG de Ana Pontón para facerlle fronte á crise no goberno galego será tecer un grande acordo de país, unha grande coalición institucional e social polo futuro de Galiza para a reactivar a economía, pola reactivación económica, polo impulso e a modernización. “Esta é a máxima prioridade do BNG mentres que as prioridades do Partido Popular neste momento son as verbenas e as discotecas. É unha auténtica indecencia que estean os centros de día pechados, de persoas maiores e de persoas con discapacidade, que estean pechados seis meses ata o mes de setembro mentres abren as discotecas e se permiten as persoas con ata 2.000 persoas. Non hai dereito”, apuntou.

Acto Vilagarcía de Arousa Bará avogou por conseguir da man do BNG na Xunta un país que protexa a paisaxe e o territorio, cun rural vivo e con futuro, un rural produtivo, con servizos, conectado nas comunicacións e telecomunicacións, un país co motor en marcha, co motor da industria e da innovación, que son claves para gañar o futuro e xerar emprego. Tamén por un país con servizos públicos de calidade na educación e na sanidade nos servizos sociais, “que xa vimos nesta crise o fundamentais e o esenciais que son”.

Insistiu na necesidade de rematar coas privatizacións do Partido Popular “e con esta indecencia” das residencias e do coidado das persoas maiores en mans de grandes fondos voitre internacionais sen unha soa praza pública aberta en once anos de goberno do Partido Popular. Tamén apostou por un país con ferramentas políticas para avanzar, con capacidade de decisión “fronte a un país de submisión que nos deixa Feixóo”, un país con ferramentas orzamentarias e financeiras, cun banco publico para fomentar obra pública, para construír vivendas, residencias, hospitais e activar tamén a economía e a actividade industrial.

“Mentres o BNG quere un banco público, o PP protexe á banca privada, Abanca, rescatada con 9.000 millóns de euros e vendida por mil, que gaña centos de millóns cada ano a base de meter ‘sablazos’ como os 50 euros cobrados a pensionistas e autónomos. O BNG non o vai permitir. Imos plantarlle cara, imos pararlle os pés”, destacou.

“Rematar co PP antes de que o PP remate con todo”

Pola súa banda, o deputado no Congreso Néstor Rego, destacou que o 12X é preciso iniciar outra etapa para Galiza e “rematar co PP antes de que o goberno do PP acabe con todo”. Salientou que derrotar a Feixóo é necesario mais non suficiente, xa que non se trata de cambiar de presidente ou de partido, senón de mudar as políticas, “algo que só garante o BNG”.

O deputado nacionalista preguntou ao auditorio vilagarcián se alguén ve ao candidato do PSOE con capacidade ou disposición de defender os intereses de Galiza en Madrid, lembrando o seu silencio cando o goberno estatal prexudicou ao país co reparto dos fondos extraordinarios de 16.000 millóns de euros sen considerar a dispersión ou o envellecemento. Tamén preguntou sobre a capacidade e interese dos candidatos “que ían asaltar os ceos e se conformaron con saltar a 3 ministerios e 2 ministerios”, lembrando que votaron a favor dos peores orzamentos de investimento para a Galiza en 17 anos. “A única que votou en contra -lembrou Rego-, Alexandra Fernández, fai parte hoxe da candidatura do BNG”.

Formulou Rego unha última pregunta: “Alguén ve a Ana Pontón calando submisa ante Madrid diante de actuacións como estas. Non, verdade?”, destacou, para subliñar que a futura presidenta galega “plantarase con firmeza diante de Madrid para reclamar o que en xustiza nos corresponde”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG