Galegas 2020

Luís Bará propón recuperar 100.000 hectáreas de superficie agraria de cara ao 2030 “para abrir un tempo novo no rural galego”

Explotación Silleda
Explotación Silleda

O candidato do BNG afirmou hoxe en Silleda que o Bloque vai reimplantar o espírito da Consellería de Medio Rural de Suárez Canal no novo goberno galego e lanzar un Plan de Rescate e Impulso do Rural

Asegurou que a crise da COVID-19 demostrou a importancia de aumentar a produción alimentar e reducir a dependencia do exterior

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, propuxo hoxe en Silleda recuperar 100.000 hectáreas de superficie agraria galega de cara ao 2030 “para abrir un tempo novo no rural galego”. O nacionalista indicou que “é hora de darlle un xiro ás políticas do rural, retomar o impulso para o rural que o BNG lle deu á política do goberno da Xunta cando estivo ao mando da consellería de Medio rural, e recuperar o espírito e o pulo que lle puxo Alfredo Suárez Canal como conselleiro. Ese é o modelo, ese é o impulso, esa é a liña que o BNG quere recuperar para o rural dende a Xunta de Galiza”.

Bará achegouse hoxe a Silleda para visitar unha granxa de vacún, unha empresa de transformación de leite para a fabricación tradicional de queixos (‘Cortes de muar’), e presentar as medidas do BNG para conseguir un medio rural “vivo e con futuro”. Alí estivo acompañado pola tamén candidata Ariadna Fernández; ao responsable comarcal, Amado López; á vicerresponsable comarcal e coordinadora electoral da zona do Deza Carmen Fidalgo; e á concelleira Tania Cornado.

Bará destacou que o rural é un sector estratéxico e chave para o desenvolvemento económico e social de Galiza fronte ás políticas que levaron ao despoboamento e “á morte lenta, á asfixia, do rural por parte do Partido Popular nunha lexislatura que ademais bautizaron como a lexislatura do rural e que foi todo o contrario: foi a lexislatura do abandono do rural”, subliñou.

Para levar a cabo esta política dende o goberno galego o cabeza de cartel do BNG puxo sobre a mesa un decálogo de medidas e orientacións estratéxicas. A primeira medida que citou é reverter a actual tendencia de destrución de superficie agraria marcando como obxectivo recuperar 100.000 hectáreas agrarias abandonadas ou transformadas en explotacións forestais de aquí ao ano 2030. “Non podemos consentir que a superficie agraria siga devalando, xa que nestes momentos está no 25% cando os países máis avanzados de Europa teñen máis do 40% en superficie agraria”, sinalou.

Ao mesmo tempo, dixo Bará, é fundamental mobilizar as terras e as propiedades abandonadas impulsando unha nova Lei de Estruturas Agrarias recuperando un anteproxecto que quedou gardado no caixón cando no 2009 o PP chegou ao goberno, tamén reactivando unha ferramenta imprescindible, “unha panca para dinamizar o rural como é o banco de terras (Bantegal)”. Afirmou que é preciso asegurar o maior grao de produción de alimentos no país, avanzando cara a soberanía alimentar diversificando a produción agrogandeira e apostando por produtos de calidade e políticas respectuosas co medio: “a crise da COVID-19 demostrou a importancia de aumentar a produción alimentar e reducir a dependencia do exterior”, dixo.

En terceiro lugar manifestou a aposta do BNG pola creación dun marco galego de negociación colectiva no que a administración actúe como reguladora e como árbitro para chegar a acordos entre as partes, e que teña como obxectivo que os prezos percibidos polo sector cubran os custos de produción. Como seguinte punto, proponse impulsar no plan de desenvolvemento rural de Galiza 2021-2027 a incorporación da mocidade nas explotacións agrarias e o relevo xeracional, así como o acceso real das mulleres á titularidade das explotacións agrarias.

Reverter o desmantelamento de servizos

A quinta grande liña de actuación, destacou o nacionalista, pasa por desenvolver políticas para os distintos sectores que teñan en conta as súas características -para o leite, carne, viño, pataca, horta e flor, madeira e outros produtos do monte-, e ao mesmo tempo elaborar un novo Plan de Agricultura Ecolóxica consensuado co sector cun horizonte temporal máis amplo que actual e que impulse todo o potencial que ten esta produción.

Como sexta liña, Bará apuntou un novo Plan Forestal que aposte decididamente polo carácter multifuncional do monte e que se marque como obxectivo reducir a superficie ocupada polo eucalipto e ampliar, pola contra, a plantación de especies autóctonas de calidade. Tamén nomeou unha nova Lei de Montes. En sétimo lugar Bará afirmou que a produción de alimentos e madeira e as políticas de fomento de desenvolvemento rural faranse con perspectiva de sustentabilidade ambiental tendo en conta o cambio climático.

Como oitava grande liña de actuación está reverter a tendencia de desmantelamento de servizos no rural que redunda no abandono e na perda de poboación. “É preciso apostar por un rural vivo e con futuro, con servizos na vivenda, ensino, saúde e servizos sociais, nas telecomunicacións, no transporte e lecer”, afirmou. Como novena grande liña propuxo potenciar a investigación, a formación e a innovación e a contribución da ciencia e do coñecemento ao desenvolvemento e á transformación e a gañar valor engadido no rural.

Por último, Bará sinalou que o BNG promoverá directamente que Galiza teña participación nos foros onde se dirimen cuestións que afectan ao medio rural galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG