Galegas 2020

Luís Bará propón un plan de emprego e industrialización para a comarca de Vigo asentado no naval e a automoción

Manifestación CIG
Manifestación CIG

O cabeza de lista participou hoxe en Vigo na manifestación da CIG con motivo do Día da Clase Obreira Galega

Reivindicou a necesidade do sindicalismo nacionalista e dunha forza política como o BNG no goberno “para defender os intereses do noso país”

Un plan de emprego e industrialización para a comarca de Vigo asentado no naval e na automoción. Esa foi a proposta que o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, plantexou hoxe en Vigo durante a celebración da manifestación co gallo do 10M, Día Clase Obreira Galega, convocada polo sindicato nacionalista CIG.

Bará subliñou que unha vez que o Bloque lidere e teña responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza fará unha aposta clara por Vigo e o emprego de calidade. Xunto coa CIG, defendeu a necesidade dun plan que permita desenvolver as potencialidades da industria, nomeadamente do sector naval, coa intervención pública da Xunta para sacar adiante Barreras e Vulcano, dos que dixo “están nun momento moi complicado e que significan moito traballo na área de Vigo tanto directo como nas auxiliares”. Tamén salientou a importancia da automoción, da que insistiu necesita promoción “fronte á deslocalización e fronte á precarización que se está a producir neste sector”.

Insistiu en que a presenza do BNG do lado da CIG no 10M pretende amosar o apoio da formación frentista ás reividicacións laborais e salariais e dos dereitos que está a facer o nacionalismo sindicalista, á necesidade de derrogar as reformas laborais do 2010 e 2012 e facer fronte ás reformas e recortes de dereitos do Partido Popular e tamén do Partido Socialista, e de defender as competencias galegas en materia de negociación colectiva fronte á centralización.

De feito, o cabeza de lista destacou que o de hoxe é un día de demostración de que “este país se ten que defender por si mesmo a través dun sindicalismo nacionalista que agora mesmo é maioritario e tamén cunha forza política como o BNG que ten que ser maioritaria para defender os intereses do noso país.

Así mesmo, Bará manifestou que a de hoxe é unha xornada de loita e memoria colectiva “lembrando as mobilizacións do ano 72 nas que morreron dous loitadores galegos como Amador e Daniel”, dous traballadores da antiga Bazán -hoxe Navantia- que falecían tras recibir os disparos da Policía durante unha manifestación dos operarios do sector naval ferrolán reclamando melloras no seu convenio colectivo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG