Galegas 2020

Luís Bará propón nun encontro coa CIG un gran plan de impulso económico baseado na industria e na innovación

Encontro CIG
Encontro CIG
Destacou a urxencia de relanzar grandes infraestruturas, como a mellora do transporte de mercadorías dende o Porto, para facer a comarca máis competitiva

“O que nós propoñemos e ofrecemos dende o BNG é un goberno galego que sexa aliado e non inimigo de Vigo e que potencie iniciativas de desenvolvemento económico con políticas de creación de emprego de calidade e con dereitos, e que lance un gran plan de impulso para os próximos catro anos apostando pola industria e pola innovación”. Esa foi a principal proposta que o cabeza de lista do Bloque pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, puxo sobre a mesa hoxe nunha reunión coa directiva da CIG na comarca de Vigo.

No encontro coa forza sindical nacionalista, no que tamén estiveron as candidatas viguesas Alexandra Fernández e Carmela González, fíxose unha análise de situación e compartiuse información de como está afectando a gravísima crise sanitaria da COVID-19 na comarca e sobre como se está a converter nunha crise económica e social “moi profunda” que está a afectar de maneira directa á clase traballadora.

“Compartimos a insuficiencia das medidas aprobadas polo Goberno central e do nefasta que é a centralización para resolver os problemas do país, así como a clara desaparición da Xunta e do Partido Popular que se puxo de manifesto onte mesmo cando o señor Feijóo, agora que debe asumir as competencias pregunta cales son as súas responsabilidades”, explicou Bará.

En canto á resposta que hai que dar a esta situación, o candidato nacionalista sinalou que por un lado é fundamental a intervención pública tanto nos servizos públicos como na economía. “É preciso un reforzo de servizos públicos que foron fundamentais -como a sanidade, a educación e os servizos sociais-, xa que deben ser fortalecidos e non seguir na dinámica das políticas do Partido Popular destes últimos once anos de debilitar e privatizar”, subliñou.

En concreto, para a comarca de Vigo Luís Bará destacou o importante e fundamental que será desenvolver un Plan de Industrialización que debe ser o futuro para ter emprego de calidade e estable na comarca. Nomeadamente subliñou que debe fomentarse o sector naval cunha intervención e participación pública no relanzamento tanto de Barreras como de Vulcano, pero tamén apostando polo proxecto de reparacións navais da ría de Vigo. “O mesmo cabe dicir -indicou Bará- con respecto á automoción, na que hai que frear a deslocalización e apostar por proxectos competitivos e innovadores no sector”.

Por outro lado, o cabeza de lista destacou que é fundamental relanzar e potenciar o Porto de Vigo como un grande motor económico para a comarca, “acabando coas políticas de declive deste importante polo que está levando a cabo o señor López Veiga co amparo da Xunta de Galiza”. Tamén unha clave para o futuro será a aposta decidida pola innovación e polo investimento en investigación e polo papel que debe xogar Vigo como grande polo da innovación de Galiza, transferindo coñecemento aos sectores produtivos.

Por último sinalou o urxente relanzamento e impulso de grandes infraestruturas fundamentais para que a comarca sexa competitiva, especialmente no que ten que ver co transporte de mercadorías por ferrocarril e a conexión ao corredor Atlántico tanto do Porto de Vigo como dos grandes parques empresariais e loxísticos da área.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG