Luís Bará pregunta ao Goberno polas medidas para evitar o caos das novas concesións do transporte público

Luís Bará
Luís Bará

Rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento ante as queixas, alegacións e reclamacións contra os novos contratos do Plan de Transporte Público adxudicados pola Xunta

O deputado do BNG, Luís Bará rexistra diversas iniciativas nas que pregunta ao Goberno polas medias para evitar “o caos das novas concesións do transporte público adxudicadas pola Xunta” e que entraron en vigor a comezos do mes de agosto provocando   reclamacións de persoas usuarias e concellos.

O parlamentario nacionalista asegura que as  reclamacións producíronse en todas as zonas dos novos contratos e  ademais de facer constar o empeoramento do servizo polo cambio ou supresión de liñas, servizos e horarios, alertan sobre “as consecuencias que se poden producir co comezo do curso escolar no mes de setembro”.

Por outra parte, engade Bará, a Xunta de Galiza comunicoulle ás concesionarias a posibilidade de facer cambios no servizo, chegándose a recuperar, nalgúns casos, as liñas e horarios antigos, o que suporía unha modificación das condicións dos novos contratos. Esta situación pon en evidencia o que xa  denunciou  o grupo parlamentar do BNG desde o inicio do procedemento, un proceso  caracterizado  “polas   presas,  falta de información e participación, ademais de  escurantismo”.

Ademais de preguntar ao goberno polas medidas para evitar o caos derivado das novas concesións do transporte públicos, o parlamentario do BNG presenta unha interpelación para coñecer como valora a Xunta a implantación das novas concesións e se considera adecuado destinar  máis de 800.000 euros a uns estudos que conteñen  numerosos erros e que deron lugar a un gran desbaraxuste polos cambios introducidos en materia de rotas, horarios e servizos. Ten previsto a administración penalizar ás empresas polo deficiente traballo? . Cantos concellos  solicitaron cambios nas novas concesións para adaptar as rotas, servizos e horarios ás necesidades da poboación ou se a Xunta autorizou  ás empresas adxudicatarias a realizar cambios nas novas concesións aos poucos días de entrar en vigor para calmar as protestas das persoas usuarias,  serán parte das  cuestións que o deputado do BNG trasladará ao goberno. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG