Luís Bará: “O PP recibiu un toque de Madrid e deu marcha atrás na reclamación de competencias”

Luís Bará
Luís Bará

Criticou que o Goberno galego “repregue velas” e non avance na reclamación de competencias sobre policía galega e tráfico como anunciou recentemente Núñez Feixóo para equipar Galiza a Euskadi e Catalunya nestas materias

Luís Bará: “O PP recibiu un toque de Madrid e deu marcha atrás na reclamación de competencias”

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno galego, formulada polo  deputado do BNG, Luís Bará sobre o desenvolvemento da lei de política galega e a demanda ao Goberno central das competencias de Tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva respondeu que a Xunta non renuncia a novas competencias pero sempre que sexan útiles e financiadas.

Para o nacionalista, a resposta de Villanueva, evidencia o “xesto cara a galería” do Partido popular e do propio  Núñez Feixóo sobre o tope competencial en ámbitos como os xa transferidos a Euskadi e Catalunya. Agora, dixo, “déronlle o toque desde Madrid” e hai que “repregar velas e dar marcha atrás”.

Bará criticou que o Parido popular galego, no goberno dende o ano 2009, non conseguira ningunha transferencia, o balance é “cero patatero” a pesar do goberno amigo de Raxoi e co que sería máis fácil, supostamente, negociar as transferencias. A súa vontade política para conseguir algunha competencia para Galiza, recalcou é “cero”  e os seus anuncios agora chocan cos feitos.

O PP utiliza a escusa dos orzamentos para xustificar a falta de transferencias e insistiu en que o BNG xa denunciou publicamente “o agravio” dos orzamentos do Estado con Galiza. No vindeiro pleno, explicou Bará, teremos oportunidade de debater sobre esta cuestión porque os investimentos e a reclamación de transferencias “non son incompatibles, son complementarias”. Transferencias si, repetiu Bará pero tamén orzamentos “xustos e non discriminatorios para Galiza.”

O deputado recriminou ao director xeral de emerxencias  que tentara xustificar que   as competencias en Tráfico  non son necesarias nin o desenvolvemento da Lei de policía. Os datos de seguridade viaria e accidentes son en Galiza “extraordinariamente preocupantes” e a Xunta ten neste ámbito moita responsabilidade.

Despois da súa intervención, dixo Bará, queda claro que  o goberno non ten intención de avanzar. Vostedes están actuando como un “goberno paria” e aceptando a doutrina “da marcha atrás e da recentralización”. Non escoitei ningunha voz en contra das palabras de Casado cando propón recentralizar competencias, vostedes, sentenciou,  “apoian ese discurso, o discurso da recentralización de competencias”.