Luís bará pide á Xunta que paralice a ampliación de Sogama e aposte pola compostaxe

LUISBARA REUNION ADEGA
Luís Bará reúnese con Adega
  • Bará propón estender o Plan Revitaliza da provincia de Pontevedra a toda Galiza, “é máis barato e ten mellores beneficios sociais e ambientais”

O BNG pide á Xunta que paralice a ampliación da planta de SOGAMA en Cerceda, -actuación contratada por 332 millóns de euros para unha explotación prorrogable 15 anos-, a aposte por un modelo alternativo baseado na redución e na compostaxe.

Nun encontro cos responsables de ADEGA, Fins Eireixas e María R. Lafuente, o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, salientou que o modelo SOGAMA “é caro, ineficiente, moi custoso desde punto de vista social e ambiental, e só ten como obxectivo a valoración enerxética que non é outra cousa que a incineración”. Por iso o BNG pide que se aposte pola compostaxe doméstica, comunitaria e a través de microplantas.

Como por outro lado prevé a normativa de residuos sólidos urbanos de Galiza, “ que non se está cumprindo”, critica Bará, quen lembrou a normativa europea incluída no Plan estatal de xestión de residuos sólidos que establece a obriga de chegar a un mínimo do 50% de reutilización e reciclaxe antes de 2020. “Co plan SOGAMA e coa decisión de ampliar a planta, dificultase ese obxectivo”, advirte.

Neste sentido, o deputado salienta que non estamos só ante “unha necesidade social e ambiental, senón que hai unha obriga lexislativa que compromete ao Goberno galego, pero polo camiño elixido por SOGAMA, nunha especie de fuxida cara adiante, non imos chegar ao conseguir eses obxectivos que demanda Europa”.

Bará propón á Xunta trasladar a Galiza o Plan Revitaliza de compostaxe que se está aplicando con gran éxito de participación na provincia de Pontevedra.

“Hai que ter en conta que o 42% da bolsa do lixo é orgánico e non ten sentido andar gastando inxentes cantidades de diñeiro trasladandoo por todo o país para despois queimalo. O ideal é reducir ese lixo orgánico mediante compostaxe doméstica nas zonas rurais, e compostaxe comunitario nas urbanas, como está aplicando a Deputación de Pontevedra en toda a provincia a través do Plan revitaliza con moi bo resultado polo alto compromiso e participación da cidadanía”, explicou Bará.

Onde non chegue a compostaxe doméstica e comunitaria, entran as plantas  territoriais ou microplantas, para tratar todo o que quedase fose do ámbito doméstico ou comunitario. “Ofrecémoslle á Xunta a posibilidade de estender o modelo de Pontevedra que está a ter éxito, é máis barato e que ten moitos beneficios sociais e ambientais”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG