Luís Bará pide ao goberno da Xunta ampliar os equipos de valoración de discapacidade

Luís Bará
Luís Bará

Asegura que as medidas tomadas pola Consellería de Política Social “son parches” e reclama equipos permanentes con máis medios

O deputado do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a necesidade de ampliar os equipos de valoración de discapacidade na zona Norte de Pontevedra e no resto das zonas.

O deputado argumentou que @s profesionais dos equipos reclaman esta ampliación naquelas provincias con infraestruturas insuficientes e ante a gran demanda existente como acontece na provincia de Pontevedra, principalmente na zona norte, onde se produciu unha grande acumulación de expedientes a partir do ano 2010 que obrigou a  un retraso de ata tres anos a tramitación.

Bará tamén lembrou que desde o ano 2012 a administración estableceu medidas parciais como horas extras do persoal e contratación de equipos de reforzo por acumulo de tarefas que dalgún xeito conseguiron reducir as esperas pero “non resolveron o problema de fondo”,  que é a insuficiencia de equipos estables para dar resposta ao elevado número de solicitudes.

Nesta liña lembrou que existen 4.560 persoas en listaxe de espera na zona norte da provincia de Pontevedra, máis de 900 persoas levan máis de dous anos agardando e destas, 500 aínda non foron avaliadas. Todas as solicitudes que entraron dende decembro do ano pasado, dixo “aínda non foron tramitadas” e estamos a falar  de máis de 2.000 persoas.

Pola súa parte, a conselleira de Política social, Fátima García anunciou  que serán reforzados os equipos en Pontevedra e Vigo, ao que o deputado do  BNG replicou que os equipos reclaman “máis medios e equipos estables” para atender axeitadamente  un gran número de persoas que permanecen en lista de garda dende hai tres anos polo que volveu preguntar se a consellería ampliará “as plantillas, os  medios e o  orzamento” porque  os equipos temporais “non resolven o problema” e están vostedes actuando “sen corazón e  sen sensibilidade” coas persoas máis vulnerables.

“Os equipos de valoración non queren o seu apoio nin o seu agradecemento, queren máis medios, máis equipos e por iso levan semanas mobilizándose” co apoio dos colectivos de discapacidade que tamén reclaman máis equipos permanente e “non parches” reiterou o parlamentario do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG