Galegas 2020

Luís Bará: “Onde estea o BNG haberá memoria e un traballo rigososo para pechar páxina dun pasado incómodo”

Vilagarcía de Arousa
Vilagarcía de Arousa

O candidato nacionalista comprometeuse hoxe en Vilagarcía a desenvolver dende a Xunta un verdadeiro programa de restauración da memoria histórica democrática galega

Defendeu O Salnés como unha comarca chave onde o BNG fará unha campaña intensa a pé de rúa e con actos como o do 11 con Ana Pontón

Na véspera do 8-M o cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará participou hoxe en Vilagarcía nun acto de reivindicación da memoria histórica e da memoria das mulleres. O nacionalista destacou que “onde estea o BNG haberá memoria e un traballo rigoroso para pechar páxina dun pasado incómodo”, comprometéndose a desenvolver dende a Xunta de Galiza, unha vez con responsabilidade de goberno, un verdadeiro programa de memoria histórica democrática galega.

Bará fixo estas declaracións nun acto simbólico de reivindicación para eliminar personaxes vencellados ao franquismo do rueiro vilagarciá, en concreto para substituír a rúa General Yagüe polo nome de Carmen Meaños ‘A Carilla’, unha muller resistente e perseguida durante os anos do fascismo. Xunto aos integrantes da candidatura pola comarca (Prado e Leirós) e a portavoz municipal, o nacionalista subliñou que “é moi importante que este país coñeza e recoñeza e honre ás mulleres que loitaron, ás mulleres traballadoras e ás mulleres represaliadas”.

“Nesta homenaxe hoxe en Vilagarcía esiximos aos poderes públicos que vaian máis alá das súas obrigas legais, que teñen que honrar a memoria das mulleres e das persoas que foron perseguidas como a familia e a figura de Carmen Meaños ‘A Carilla’ poñendo os seus nomes nas rúas e eliminando, por hixiene democrática, os nomes que se identifican coa ditadura, a represión e o franquismo que, vergoñentamente, aínda están nesta cidade. Esiximos ao goberno municipal que dea o paso, que dea a cara, que sexa consecuente e coherente sabendo que o BNG vai presionar para que así sexa”, subliñou.

Vilagarcía de ArousaCamiño do 5A

Bará aproveitou a súa estancia en Vilagarcía para o acto de homenaxe a ‘A Carrilla’ para realizar previamente un reparto electoral e anunciar o mitin comarcal con Ana Pontón do vindeiro mércores día 11 ás 20.30 horas na praza da Peixería.

Bará salientou que esta campaña electoral está a ter “un ambiente como nunca para o BNG”, xa que está á alza, medrando e integrando e sumando xente. Destacou que dende a formación nacionalista vaise facer unha campaña “como nunca a fixemos, a mellor da nosa historia”, xa que se está a percibir moita simpatía cara ao proxecto e á figura de Ana Pontón.

Segundo destacou, nestas eleccións do 5A será moi importante a mobilización e motivación do voto sobre todo das zonas urbanas, de vilas e comarcas como a do Salnés “onde hai que ilusionar á xente dicíndolle que é posible que haxa un cambio, que é necesario que haxa un cambio galego liderado polo BNG e por Ana Pontón como a primeira presidenta da historia deste país”.

“Ímonos ‘volcar’ especialmente nesta comarca e en Vilagarcía, con actos como os de hoxe (un reparto e o evento de memoria histórica), a vindeira semana coa presentación da candidatura o luns pola mañá e o mércores co mitin coa presenza de Ana Pontón. Imos estar na rúa permanentemente para conseguir ese gran resultado”, finalizou o candidato.

Pola súa parte, a candidata Montse Prado, aproveitou para poñer en valor o traballo conseguido polo BNG na investidura do Goberno central, que “supuxo un antes e un despois” da situación de Galiza a nivel do Estado. “Agora os temas de Galiza están presentes no debate. Os grandes retos están sobre a mesa e verificando que a presenza de Néstor Rego significa e pon en evidencia os anos de submisión de Feijóo con Madrid”, indicou.

Prado subliñou tamén o traballo feito pola equipa do BNG no Parlamento galego e, nomeadamente por Luís Bará, quen trasladou moitas das problemáticas do Salnés á cámara galega. “Estamos convencidos de que iso vai ter compensación no apoio que imos ter o 5A”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG