Galegas 2020

Luís Bará: “Non hai nada máis revolucionario que apostar por unha forza como o BNG que cre na cultura propia”

Encontro música
Encontro música

O cabeza de lista por Pontevedra reuniuse hoxe con profesionais da música ao vivo e comprometeuse a unha redistribución do gasto público en cultura para evitar “o monocultivo xacobeo e dos macrofestivais”

O nacionalista defendeu o cambio da Lei de Espectáculos cando o BNG adquira responsabilidades de goberno

O BNG defendeu hoxe en Pontevedra a necesidade de potenciar a cultura galega como un valor estratéxico para o país e de desenvolver políticas que fortalezan a súa base, os seus circuítos e a súa visibilización, divulgación e difusión. O cabeza de lista por Pontevedra Luís Bará subliñou que a cultura debe consolidarse non só como unha ferramenta social de participación, senón tamén na súa dimensión económica, xa que as industrias culturais son parte importante do PIB galego que se pode amplificar.

Bará, acompañado das integrantes da candidatura do BNG para o 5A Alexandra Fernández e Lola Dopico, realizou estas declaracións nun encontro con profesionais da música ao vivo: artistas, programadores en salas e organizadores de festivais de música de Pontevedra. Explicou que o Bloque ten un programa de goberno que propón unha maior redistribución do gasto público en cultura para que, máis alá do monocultivo xacobeo e os grandes festivais –que consumen o 90% do orzamento-, se promova e impulse a música ao vivo, os circuítos de difusión, e os festivais enraizados na comunidade e do territorio.

“Galiza e Pontevedra teñen unha grande potencia artística e musical e o BNG aposta pola cultura viva, creativa e que nace desde abaixo, como os proxectos como Cabos Soltos ou o local de música de Pontevedra, que están a ser un auténtico fervedoiro de iniciativas e proxectos artísticos e musicais”, afirmou o candidato.

Defendeu que o que precisa escena galega de creatividade actual é que haxa “un goberno que realmente crea na cultura do país, na música viva, que aposte por ela e que lle cree redes e non lle poña trabas como fixo coa Lei do Espectáculo recentemente aprobada, que estrangula o circuíto de locais”. Neste sentido, comprometeuse a que a reforma desa lei será unha das prioridades para o BNG tras adquirir responsabilidades de goberno o vindeiro 5A. “Temos que ter un goberno á altura, e hai opcións dun cambio galego e dun tempo novo porque hai moitos sectores descontentos”, subliñou Bará, asegurando que nestes momentos o Partido Popular está esgotado de ideas e só ten o obxectivo de manter o poder por continuar co control das institucións ao seu servizo.

“É preciso un cambio en chave de país, unha aposta polo talento innovador, por defender a nosa creatividade, os nosos proxectos.. E non haberá cambio máis revolucionario que apostar por unha forza como o BNG que crea na cultura propia. O BNG dende o goberno galego quere apostar por esta idea de país, da xente nova que está facendo proxectos novos e quere facer a súa vida dende aquí, dende a música e a cultura”, finalizou.

Alexandra Fernández, pola súa banda, insistiu en que o sector cultural é un sector estratéxico para o país que precisa apoio, polo que se reafirmou en que “o que nos xogamos o 5 de abril é moitísimo, que haxa unha reformulación no país, porque Núñez Feijóo deixa tras de si unha situación de colapso en moitos sectores. É necesario pensar no futuro e imos pelexar porque o 5 de abril haxa un cambio de goberno”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG