Luís Bará: "A militancia do BNG non lle ten medo ás ameazas da Fundación Franco"

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

A Fundación Franco debería estar ilegalizada por enaltecer o Franquismo e a Ditadura

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará cualificou hoxe de “inaudito e intolerable” que a estas alturas a  Fundación Franco “sexa legal, que se comporte con total impunidade, que reciba beneficios dos poderes do Estado, que incumpra a lei nas visitas ao Pazo de Meirás” e agora anuncie ameazas contra o BNG pola acción simbólica de ocupación do Pazo. O BNG pedirá, a través dunha proposición non de lei ilegalizar a Fundación Franco por apoloxía do “franquismo, terrorismo e xenocidio” e declarala, xunto coa familia do ditador “non gratas en Galiza”

Bará recalcou que  no BNG non aceptamos “nin ameazas nin chantaxes” por parte dos franquistas. “Non lles temos medo” e seguiremos denunciando por todos os medios o “incumprimento da lei, a impunidade do franquismo, o espolio, o roubo de bens públicos pola familia Franco e a complicidade das institucións do Estado, da Xunta de Galiza e do Partido popular co franquismo”.

O nacionalista lembrou que na sesión plenaria que comeza mañá na Cámara galega,  o  Partido popular terá unha oportunidade para dicir de que lado está, “do lado dos franquistas ou da democracia” no debate dunha proposta do BNG para declarar “non gratas en Galiza” a familia Franco e a Fundación Franco, condenar as declaracións da Fundación Franco e instar a súa ilegalización por “apoloxía do franquismo, terrorismo e xenocidio” e demandar a devolución do Pazo de Meirás

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG