Galegas 2020

Luís Bará: “Foi o traballo da clase traballadora e non o capital o que salvou vidas e ao pobo na emerxencia que aínda vivimos”

Luís Bará
Luís Bará

O candidato do BNG reclamou máis dereitos laborais e económicos para as traballadoras de servizos esenciais

Apostou pola importancia de incrementar o gasto público no ámbito sanitario, sociosanitario e educativo, xa que as consecuencias das privatizacións “puxéronse á vista”

Maior recoñecemento para a clase traballadora. Esa foi a reivindicación do cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, tras reunirse con oito mulleres traballadoras de servizos declarados esenciais durante o confinamento. O nacionalista destacou que é preciso poñer en valor o seu labor, porque ao seu entender a crise deixou algo claro, “que foi o traballo e non o capital o que salvou vidas e ao pobo nesta emerxencia que aínda vivimos”, motivo polo que reivindicou máis dereitos laborais e económicos.

No encontro virtual realizado esta mañá co cabeza de lista participaron mulleres do ámbito sanitario, sociosanitario -axuda no fogar e atención á discapacidade, dun centro de atención a mulleres vítimas de violencia machista-, do ámbito do transporte, e dos supermercados, traballos todos que se revelaron como “fundamentais nesta crise e que en moitos casos están mal remunerados, precarios e tamén temporais”.

Unha das primeiras conclusións que hai que tirar da situación, dixo Bará no encontro, é a necesidade de cara ao futuro de avanzar na recuperación de dereitos laborais e salariais, “non como no pasado, na anterior crise, cando se apostou por seguir con recortes”. “Non poden volver a pagar as consecuencias da emerxencia, a factura desta crise, as clases traballadoras. Temos que apostar por unha sociedade máis igualitaria e cun reparto máis equitativo da riqueza a partir de agora, pero corremos o risco de que así sexa”, subliñou.

Bará puxo sobre a mesa tamén a importancia do público nesta crise. Destacou a necesidade de incrementar o gasto público no ámbito sanitario, social, da discapacidade e da dependencia, ademais de na educación, para acadar unha sociedade máis equitativa e xusta. Criticou, de feito, a continua privatización e o aproveitamento como negocio de servizos como as residencias de maiores que só se deberían rexer pola calidade asistencial. Tamén apostou pola necesidade de reforzar o sistema público de axudas e medios para a conciliación, un tema que a día de hoxe está pendente. “Este debate dos servizos públicos debería ter máis xente a favor, avanzar e non retroceder, porque as consecuencias puxéronse á vista”, sinalou.

Así mesmo, Bará nomeou unha terceira consecuencia visualizada grazas á crise: a necesidade de xestionar dende o local e o próximo para obter mellores resultados. Afirmou, neste sentido, que é preciso ter maior capacidade de decisión, fortaleza e medios propios para enfrontarse á emerxencias como a vivida. “Viuse que países pequenos con soberanía, liderados por mulleres, foron os que mellor se enfrontaron á pandemia, como Islandia ou Eslovaquia”, dixo.

Bará realizou todas estas valoracións despois de escoitar como nas diferentes comarcas da provincia (Pontevedra, Vigo, Salnés, Morrazo, Deza, Baixo Miño e Condado) a situación do persoal esencial foi moi parella, enfrontándose nun principio á pandemia sen medios, sen protocolos e sen coordinación. “A xestión do goberno central que asumiu as competencias foi caótica e cambiante. A Xunta estivo desaparecida aínda nas cousas nas que tiña que tomar decisións, botándolle a culpa aos demais e índose de ‘rositas’. Só buscou apuntarse tantos porque aquí non chegou o virus con tanta forza, pero fixo caer todo o peso de resolver os problemas nos concellos”, subliñou.

O cabeza de lista destacou que o BNG ten un proxecto claro de país que quere poñer en marcha logo de chegar ao goberno tras a cita do 12X. “Hai que cambiar moitas cousas para que as consecuencias da crise -insistiu- non as pague coma sempre a clase traballadora”, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG