Luís Bará envía a Rajoy unha biografía de Rosalía de Castro

Luís Bará
Luís Bará

"A ver se así entende as razóns do concello de Pontevedra para substituír no rueiro ao golpista Salvador Moreno pola nosa poeta nacional", afirmou o deputado do BNG.

Lémbralle que existe unha Lei de normalización lingüística que tamén obriga aos responsables políticos a cumprila e anímao a promover o cambio de nome do colexio Salvador Moreno que depende de Defensa

O deputado por Pontevedra Luís Bará remitiulle hoxe ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, unha biografía de Rosalía de Castro como agasallo de Reis Magos para que, como explica por carta, lle axude a entender as razóns polas que o Goberno local da cidade do Lérez decidiu incluíla no rueiro da cidade dando nome desde hai quince anos a unha das principais vías de Pontevedra, en substitución da denominación Salvador Moreno, militar golpista.

“Aproveitando estas datas festivas, quero facerlle chegar un exemplar da biografía de Rosalía de Castro publicada recentemente pola editorial Galaxia, da autoría de María Xesús Lamas, que estou seguro lle axudará a entender a riqueza, a complexidade e a extraordinaria valía da obra rosaliana, e a compartir as razóns pola que a día de hoxe dá nome a unha das principais avenidas da cidade”, explica o deputado na misiva coa que acompaña o agasallo a Rajoy.

Bará tamén aproveita a ocasión para expresar a súa sorpresa polas recentes declaracións do presidente do Goberno central, -pontevedrés, ademais-, nas que amosaba “a súa estrañeza” polo cambio de nome, “e mesmo chegou a dicir que segue utilizando a denominación que rende homenaxe a un militar golpista e ministro da Ditadura de Franco, (...) razón pola que lonxe de merecer homenaxe deba ser obxecto de condena e repulsa de todas as persoas que defenden a verdade, a xustiza, os dereitos fundamentais e os principios democráticos”.

Neste sentido, o deputado do Bloque aproveita para pedirlle a Rajoy que promova o cambio de denominación do colexio Salvador Moreno, tamén en Pontevedra, que depende do Ministerio de Defensa, “porque é unha anomalía histórica e unha falta de respecto ás vítimas do franquismo que se homenaxe a un militar golpista e xenocida”, alega.

Finalmente, na carta que acompaña ao agasallo, Bará lémbralle a Rajoy a Lei de Normalización Lingüística para solicitarlle que respecte os topónimos de Galiza que, como recolle o artigo 10 desta lei, terán como única forma oficial a galega. “Permítome lembrarlle o deber que nos obriga a todos a cumprir a lei e, ao mesmo tempo, a importancia de dar exemplo desde as institucións públicas”, tras reprochar o costume do presidente español de empregar “formas deturpadas e castelanizadas da nosa toponimia”, citando como exemplo o uso de Sangenjo por Sanxenxo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG