Luís Bará: “ENCE impúxose no Franquismo e golpe de baioneta e o PP ten que cumprir a lei que aprobou”

Luís Bará
Luís Bará

Afirmou que a prorroga de ENCE non é firme e reclama ao PSOE que a revise para recuperar o espazo da Ría de Pontevedra ocupado por ENCE  

Luís Bará: “ENCE impúxose no Franquismo e golpe de baioneta e o PP ten que cumprir a lei que aprobou”

O deputado do BNG, Luís Bará reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei, recuperar o espazo público  ocupado por ENCE na Ría  de Pontevedra, “unha fabrica imposta a golpe de baioneta en 1958, durante o franquismo, e  despois a golpe de BOE e portas xiratorias en plena democracia”.

Na actualidade,  explicou Bará, o Partido popular quere vendernos o chamado “pacto ambiental” como a panacea e cunha chuvia de millóns en investimentos durante 60 anos pero en realidade, recalcou, o  pacto ambiental e unha “biofábrica para legalizar a ocupación de 600 mil metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre na Ría de Pontevedra”.

Bará pediu paralizar a modificación do proxecto sectorial  para consolidar a fabrica coa construción dunha planta de biomasa e unha estrutura  de 50 metros de altura, “equivalente a un edificio de 16 andares” ademais dunha cheminea de 70 metros de gran impacto “ambiental e paisaxístico”.

O parlamentario criticou as declaracións do director de ENCE, Ignacio de Colmenares que  afirmou “Vamos a conseguir una fabrica que no huela, sin vapor visible, que no suelte agua al mar y que no haga ruído”. Ante estas afirmacións, o deputado nacionalista ironizou propoñéndolle a ENCE unha nova liña de produtos cosméticos polo que colocou no estrado dúas botellas imitando o formato de colonia baixo a denominación “esencia ENCE, inodora, indolora e invisible” nas dúas versións, en vapor ou líquido. De Colmenares, engadiu Bará,  tamén afirmou que a fabrica será disimulada e non se verá polo que volveu a ironizar si sería “unha fabrica invisible ou 6.0”.  Non queremos unha fabrica invisible, recalcou, “queremos unha fabrica fora da ría, queremos que nos devolvan a ría de Pontevedra, sen ENCE”.

O parlamentario acusou ao Partido popular de “conivencia” con ENCE e cualificou a Núñez Feixóo de “profeta da posverdade” acompañado dunha corte de imitadores. Nesta historia trufada de mentiras,  o Partido popular sempre manobrou a favor da permanencia de ENCE máis alá do 2018, data de remate da concesión, primeiro con Fraga, logo a través do proxecto  de incidencia sectorial supramunicipal  e máis tarde co “asalto ao pleno do concello de Pontevedra para intentar derrubar o goberno municipal”.

Bará tamén lembrou o anuncio de Núñez Feixóo,  “o profeta da posverdade” no ano 2009 sobre a reunión con ENCE para estudar a súa reubicación baixo a frase, “non cabe a posibilidade de manter ENCE na Ría e non imos dicir unha cousa e facer a contraria”. Posteriormente, o Partido popular e a Xunta aproban as directrices do territorio e mesmo asinaron un protocolo coa  propietaria de ELNOSA para facilitar a súa saída da ría e chegando finalmente o momento da “gran traizón” no ano 2013 co cambio da Lei de Costas, feita á medida de ENCE e coa prorroga de 60 anos máis, “asinada por un goberno en funcións”.

As críticas do deputado tamén se referiron ao Partido socialista ante a falta dun  pronunciamento, dixo, que “xa nos está tardando”. ENCE e outros asuntos fulcrais para o noso país “non están na axenda política do Estado” porque a axenda galega en Madrid, non existe no pacto asinado polo PSOE e PODEMOS. Sobre a Mesa creada polo PSOE de Pontevedra, Bará afirmou que é “unha cortina de fume para gañar tempo”.

Tras a intervención do portavoz do Partido popular, Jacobo Moreira, o nacionalista lembrou que no ano 2015 Moreira solicitara a ministra do PP a necesidade de retirar ENCE da Ría de Pontevedra e  reiterou que a iniciativa  do BNG busca  precisamente o mesmo, “a rexeneración e recuperación dos terreos como contempla o POL” polo tanto, pedimos “que cumpran as normas que o propio PP aprobou”.

O portavoz popular anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG.