Luís Bará denuncia o veto do PP a investigar o posible mercado negro de peles dos raposos que se matan cada ano

Luís Bará
Luís Bará

Alerta que non se pode entende como deporte a matanza indiscriminada de ningunha especie e advirte das repercusións até na saúde humana

Luís Bará denuncia o veto do PP a investigar o posible mercado negro de peles dos raposos que se matan cada ano

O portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, trasladou á Cámara as matanzas masivas do raposo en Galiza tanto a través das competicións deportivas como da actividade puramente cinexética que, sumadas, supoñen a morte de 12.000 raposos cada ano de media, 75.000 entre 2011-2017.

Ademais desta “matanza indiscriminada”, Bará tamén puxo sobre a mesa o destino dos animais mortos e das súas peles, en particular despois de que fai apenas uns meses a garda civil requisara un transporte ilegal destes animais, -máis de 80 peles con restos orgánicos-, coincidindo coa celebración dunha competición deportiva “na que o obxectivo é matar o maior número de raposos no menor tempo posible”.

“Entendemos que é unha actividade cruenta esta matanza indiscriminada que vai en contra mesmo da Lei de caza de Galiza, que provoca un gran rexeitamento social e mesmo en colectivos de cazadores”, salientou o deputado nacionalista que, ademais, fixo referencia a negativa repercusión que esta matanza ten na saúde humana.

“A Sociedade Galega de Historia Natural, de prestixio académico e científico, establece que non se pode entender como deporte a matanza indiscriminada de ningunha especie, que ademais ten consecuencias no equilibrio ecolóxico e, indirectamente, na saúde humana”, explicou na comisión parlamentaria de Medio Ambiente, facendo mención ao debate arredor da borreliose e do papel que xoga o raposo no control desta enfermidade, como tamén recollen estudos a nivel europeo.

Neste contexto, e tendo en conta que o Goberno galego subvenciona estas competicións, o Bloque presentou unha proposta con dúas propostas concretas: “unha investigación da Xunta sobre a orixe e o destino dos raposos abatidos nas competicións e das cacerías, -12.000 ao ano-, e unha investigación do destino e uso das peles interceptadas recentemente pola garda civil para poñer luz onde agora hai sombras e sospeitas”, explicou Bará, alertando tanto da matanza indiscriminada desta especie como do comercio ilegal de peles de raposo.

Pese ao veto do PP, o BNG considera urxente dar este debate e lembra o acordo aprobado polo Parlamento galego para instar ao Goberno central a que lexisle sobre a caza do raposo “tanto a nivel deportivo como cinexético”, acordo que tamén inclúa que a Xunta deixase de subvencionar este tipo de competicións, “algo que está incumprindo porque dos 150.000 euros que destina a Federación galega de caza, unha parte vai para financiar este tipo de matanzas”, explicou Bará.

“Non se pode poñer de perfil xa que autoriza este tipo de actividades e ten que investigar se existe unha compravenda ilegal de peles de raposo”, recalcou, o deputado por Pontevedra, tras mencionar a interceptación dun transporte ilegal, “que pensamos ocultaba unha posible trama ilegal de peles de raposo derivadas das mortes deste campionatos e da caza, -unha media de 12.000 cada ano-, o que nos leva a pensar que pode haber un mercado negro de peles de raposo que sería importante investigar e despexar”.

Bará salientou que na actualidade, supostamente estes animais mortos nestas competicións van parar ao Instituto veterinario Roff Codina, pero alerta que nesta entidade traballa o responsable de elaborar estudios xustificando estas matanzas lúdicas que, ademais de traballar neste instituto, tamén forma parte da Federación galega de caza. “É necesario un estudo e unha investigación para esclarecer que se fai con estes miles de raposos mortos”, concluíu.