Galegas 2020

Luís Bará defende en Redondela a necesidade de abrir “un tempo novo” para a memoria histórica

Illa de San Simón
Illa de San Simón

O cabeza de lista insiste na necesidade de devolver a categoría de “Illa da Memoria” a San Simón e urxe a aprobación dun plan de usos que impida os aproveitamentos lucrativos e ofensivos para as vítimas

Avoga pola aprobación no Parlamento dunha Lei Galega de Memoria Histórica Democrática: “Non é normal que siga pervivindo a memoria dos asasinos e estea esquecida a memoria dos que loitaron pola democracia”  

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, manifestou hoxe en Redondela o compromiso da forza nacionalista para abrir un “tempo novo” para a memoria histórica dende o Goberno da Xunta. O candidato destacou que “é momento” de devolver a categoría de Illa da Memoria a San Simón, de restrinxir alí de forma drástica os usos ofensivos coas vítimas e os aproveitamentos lucrativos que converteron o espazo nun ‘parque temático’, así como de aprobar no Parlamento unha Lei Galega de Memoria Histórica Democrática.

Todas estas cuestións foron abordadas por Bará nun encontro con colectivos e asociacións que traballan no ámbito do patrimonio e da memoria histórica do concello de Redondela (Alé nós, Colectivo republicano, e colectivo Fernando Monroy). Tamén estiveron presentes o candidato número 4 da lista nacionalista Manuel Lourenzo e o voceiro do BNG no Concello de Redondela Xoán Carlos González.

O cabeza de cartel subliñou que o BNG levará a cabo dende o Goberno galego a declaración de novo da Illa de San Simón como Illa da Memoria “e a súa conversión no grande espazo simbólico da loita pola democracia, polas liberdades, polos dereitos de Galiza e de homenaxe tamén a todas as vítimas da represión”.

Destacou a necesidade de desenvolver un Plan de Usos que regule usos e actividades tendo en conta certos criterios básicos. Ao seu entender é preciso determinar as funcións do espazo e o equipamento primando a recuperación e divulgación e dinamización da memoria histórica democrática, desenvolver unha programación anual de actividades de iniciativa pública con especial atención á recuperación da memoria histórica democrática, e promover as visitas escolares e didácticas ao espazo salientando os seus valores históricos, ambientais e culturais e a súa función como lugar simbólico da memoria histórica democrática.

Un dos aspectos máis importantes para o candidato é a necesidade de restrinxir actividades no interior da illa que sexan ofensivas para a memoria das vítimas da represión. Segundo dixo, é fundamental potenciar o carácter público do espazo, a súa condición de BIC e de parte da Rede Natura, e en consecuencia evitar esta tendencia á privatización do uso e prohibir expresamente a realización de actividades con claro interese lucrativo. “Para o BNG debe primar o interese público, social e de respectar, promover e difundir a historia e a memoria das persoas que tanto sufriron neste espazo e tanto loitaron polas liberdades e a democracia. Ten que ser un grande lugar de exemplo para o presente e para o futuro, para as novas xeracións”, afirmou.

Defendeu Bará que o plan de usos deberá elaborarse coa participación dos concellos da contorna, especialmente o de Redondela, e das asociacións da memoria histórica, para ser aprobado polo Parlamento. Esta proposta do BNG para San Simón, indicou, enmárcase na iniciativa dunha nova política pública da memoria retomando o traballo feito entre 2005 e 2009 coa aprobación polo Parlamento dunha Lei Galega de Memoria Histórica Democrática inspirada nos principios do dereito internacional e do respecto dos dereitos humanos, fundamentalmente, o dereito á verdade, á xustiza e á reparación.

“Non é normal que nun estado como o español e nun país como Galiza despois de máis de 40 anos da ditadura aínda siga pervivindo a memoria dos asasinos, o seu legado, e estea esquecida a memoria dos que loitaron polas liberdades e pola democracia. Iso ten que rematar e o compromiso do BNG no Goberno da Xunta é empezar un novo tempo tamén para a  memoria histórica, para a historia e para facer xustiza con todas as persoas que loitaron polo que hoxe celebramos como grandes valores dunha democracia”, subliñou.

Segundo destacou Bará, a primeira cuestión a ter en conta é que a Illa de San Simón é un espazo de extraordinario valor cultural, natural e histórico e paisaxístico, que foi declarado ben de interese cultural (BIC) no ano 1999 pola Xunta de Galiza e tamén forma parte da Rede Natura 2000. Lembrou que a illa ten grande valor simbólico como espazo da memoria histórica galega porque foi escenario da represión brutal do franquismo entre 1936 e 1943 e foi tamén lugar de loita pola liberdade, a solidariedade e da resistencia democrática fronte ao fascismo. “Por iso foi proclamado no ano 2006 e reclamado este espazo como Illa da Memoria e cando o Partido Popular chegou ao goberno no 2009 borrou e eliminou toda a programación relacionada con esta temática nunha actitude claramente sectaria e converteu a Illa da Memoria na Illa do Esquecemento”, manifestou.

Dende ese momento, criticou, a illa foise convertendo “nunha especie de parque temático, recreativo e lúdico para o lucro de empresas privadas que a utilizan para todo tipo de actividades sen ningún tipo de respecto cara  a memoria das vítimas, das persoas que estiveron alí presas e das súas familias”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG