GALEGAS 2020

Luís Bará: “O BNG priorizará a modernización da conexión Vigo-Porto cun tren rápido, seguro e con frecuencias que o fagan competitivo ”

Guillarei
Guillarei
O cabeza de lista do BNG afirma en Guillarei (Tui) que é preciso potenciar a Eurorrexión e as relacións directas con Portugal mediante proxectos de cooperación económicos, culturais, de innovación e lingüísticos
Luís Bará: “O BNG priorizará a modernización da conexión Vigo-Porto cun tren rápido, seguro e con frecuencias que o fagan competitivo ”

O goberno do BNG na Xunta de Galicia priorizará a modernización da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto cun tren rápido, seguro e con frecuencias que o fagan competitivo. Así o manifestou o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, dende a plataforma da estación do tren en Guillarei (Tui), onde destacou que é preciso apostar polas conexións transfronteirizas de calidade e cualificou de “fundamental” o proxecto da saída sur de Vigo.

Bará destacou -acompañado da tamén candidata Alexandra Fernández, da eurodeputada Ana Miranda, e do deputado provincial de cooperación transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez- que é preciso considerar prioritaria a relación con Portugal e usar a rexión Norte como unha plataforma para potenciar a cooperación directa de Galiza co mundo lusófono. Para iso subliñou que é necesaria a existencia dun tren do século XXI, moderno e seguro, que evite o rodeo por Redondela para ir de Vigo á fronteira de Tui, e tamén o paso do tren polo núcleo urbano do Porriño dividíndoo en dous. Tamén sinalou a importancia dun Eixo Atlántico de mercadorías que conecte a área de A Coruña coa de Lisboa.

Segundo manifestou o cabeza de cartel, a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal é unha grande fiestra de oportunidades para Galiza, que precisa poñer fin aos once últimos anos perdidos, os dous derradeiros, puntualizou, coa presidencia de Núñez Feixóo na Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal sen unha soa iniciativa. “As únicas iniciativas foron a desidia, o desinterese e a inoperancia”, salientou.

O mellor exemplo da ausencia da Xunta para potenciar a interrelación entre Galiza e o país luso, relatou o nacionalista, ocorreu hai escasas semanas, cando o goberno do PP “desapareceu do mapa” na loita pola apertura de pasos fronteirizos no Miño para traballadoras e traballadores durante o estado de alarma. Unha loita, lembrou Bará, que foi liderada polas alcaldías dos concellos transfronteirizos e polo director do AECT Uxío Benítez. “A Xunta de Galiza estivo ausente e foi cómplice das decisións absurdas e inxustas tomadas en Madrid e Lisboa cun descoñecemento absoluto da realidade deste territorio, onde hai vínculos e relacións intensas no comercial, no emocional, no social, no cultural e no lingüístico”, indicou.

Bará subliñou que o BNG abrirá dende a Xunta despois do 12X un tempo novo para a Eurorrexión, co impulso dun goberno que formulará proxectos estratéxicos de cooperación no ámbito económico, cultural e lingüístico no da innovación e tamén no das infraestruturas. Segundo dixo, é precisa unha visión de longo alcance na que o Norte de Portugal ten que servir como plataforma para relanzar e impulsar a Galiza no ámbito da lusofonía aproveitando as relacións e abrindo novos camiños para relacións económicas e comerciais. É importante, dixo o candidato, desenvolver a Lei Paz Andrade de relacións coa lusofonía “que foi unha iniciativa lexislativa importante e interesante que despois de cinco anos quedou en auga de bacallau”.

Uso eficaz dos fondos europeos

Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda tamén destacou que hai unha necesidade urxente dun tren a Portugal que sexa moderno xa que conecta a sete millóns de persoas. Destacou que non é normal que o territorio manteña un tren do século XIX, xa que existe unha oportunidade de que os fondos europeos da rede europea de transportes poidan avalar un grande mercado e espazo de traballo. “Hai que facer un uso eficaz dos fondos europeos. O tren é unha oportunidade e os investimentos no tren teñen que priorizar á fronteira. Hai que deixar a un lado a discriminación e as fronteiras imaxinarias que nos separan”, indicou.

Como exemplo tanto metafórico como real das diferentes velocidades entre os diferentes territorios, a eurodeputada destacou que entre Bruxelas e París, que son 300 quilómetros, tárdase hora e media no tren, mentres entre Vigo e Porto, que son 150, pásase das tres horas. “Non é normal”, insistiu, para subliñar que se precisan investimentos e hai fondos europeos para acometer o proxecto. “Por parte de Portugal xa se dixo que si e houbo un desleixo por parte do Estado español, dunha cor e doutra, para que non chegasen os investimentos á Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”, lembrou.

 

Luís Bará: “O BNG priorizará a modernización da conexión Vigo-Porto cun tren rápido, seguro e con frecuencias que o fagan competitivo ”