GALEGAS 2020

Luís Bará avoga por desenvolver un Plan de Dinamización do Turismo de Natureza e Rural

Turismo rural (A Estrada)
Turismo rural (A Estrada)

O cabeza de lista do BNG reuniuse na Estrada coa asociación de turismo rural Mar de Compostela e subliñou a necesidade de impulsar as marcas de calidade ‘Patrimonio Galego’ e ‘Natureza Galega’

Destacou a necesidade de poñer en valor o potencial do río Ulla e do patrimonio etnográfico da zona para crear rutas que atraian visitantes

Luís Bará avoga por desenvolver un Plan de Dinamización do Turismo de Natureza e Rural

O BNG, da man do cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, comprometeuse en A Estrada na posta en marcha dun Plan de Dinamización do Turismo de Natureza e Rural que potencie o sector. Nun encontro con representantes da asociación de turismo rural ‘Mar de Compostela’ subliñou a necesidade de impulsar as marcas de calidade ‘Patrimonio Galego’ e ‘Natureza Galega’ e, en concreto para a zona, de poñer en valor o potencial do río Ulla e o patrimonio etnográfico para crear rutas que atraian visitantes.

Bará, que estivo acompañado pola portavoz municipal Susana Camba e outros cargos orgánicos e institucionais do BNG, destacou que o municipio de A Estrada, foi pioneiro no impulso do turismo rural, se ben nestes momentos o sector está estancado “pola falta de iniciativa e de impulso do goberno do PP na Xunta de Galiza”.

Para combater este “abandono e parálise” o cabeza de cartel do BNG presentou un Plan de Dinamización do Turismo de Natureza e Rural que formará parte dunha estratexia xeral de diversificación do produto turístico galego, xa que ao seu entender actualmente está excesivamente concentrado arredor do Xacobeo e do turismo de praia e do turismo masificado. Este plan, dixo, debe aproveitar o grande potencial do turismo activo, dos espazos naturais, do patrimonio cultural, dos eventos culturais e deportivos ou da gastronomía para impulsar o turismo en Galiza arredor de marcas de calidade como ‘Patrimonio Galego’ e ‘Natureza Galega’ “que están claramente desaproveitadas e deterioradas”.

O Plan de Dinamización, afirmou Bará, desenvolverase dende o BNG no goberno da Xunta despois do 12X da man dos concellos. No caso da zona de A Estrada e a comarca, subliñou, “para poñer en valor os ríos, o potencial do río Ulla, no ámbito pesqueiro de pesca fluvial e tamén de rutas de natureza e patrimonio, para tamén poñer en valor e recuperar o patrimonio etnográfico tan rico, o arqueolóxico, industrial, arquitectónico e crear rutas turísticas e culturais que deben actuar como motores de atracción de visitantes”. Avogou tamén polo desenvolvemento de campañas de potenciación do turismo de natureza e de fomento mediante incentivos do turismo no interior de Galiza tanto no outono como na primavera.

Bará lembrou que o peso específico do turismo na economía galega sitúase entre o 11% e o 14% do PIB, e xera 130.000 empregos, o que fai que a actividade ocupe un lugar destacado na estratexia de goberno do Bloque Nacionalista Galego. Indicou que é preciso reconsiderar o papel na estrutura administrativa que ten o turismo na actualidade na Consellaría de Cultura, xa que é unha actividade transversal. Indicou que a redefinición do modelo e da estratexia turística de Galiza deben ser o obxectivo fundamental na vindeira lexislatura, co fin de que axude a reequilibrar demográfica, territorial e produtivamente Galiza.

“Este modelo, ademais, debe servir de ferramenta para profesionalizar o sector e facelo máis competitivo ao tempo que se incrementa a calidade no destino e que avance na erradicación de prácticas perversas de intrusismo, que debilitan a actividade de colectivos directamente implicados”, subliñou.

 

Luís Bará avoga por desenvolver un Plan de Dinamización do Turismo de Natureza e Rural