Galegas 2020

Luís Bará aposta por políticas de apoio aos produtos de proximidade e o comercio local

Mercado
Mercado
O cabeza de lista para o 5A visitou hoxe o mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade Catro Ponlas en Pontevedra

O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará manifestou hoxe a súa aposta por desenvolver políticas de apoio aos produtos de proximidade e ao comercio local unha vez o BNG teña responsabilidades de goberno. Nunha visita ao mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade ‘Catro Ponlas’ de Pontevedra asegurou que “está todo por facer” nese ámbito, polo que indicou que Galiza precisa “un goberno que aposte polo rural e pola relación equilibrada entre o rural e o urbano e por políticas que combatan o cambio climático como as políticas de proximidade, quilómetro cero e de apoio ao comercio local”.

O candidato presentou hoxe as iniciativas de fomento da produción local de alimentos frescos e da súa transformación e comercialización, salientando a importancia e os vantaxes destas iniciativas: a dinamización das zonas rurais coa xeración de iniciativas locais de emprego, o freo ao abandono do territorio e recuperación de terras de cultivo e dos equilibrios ecolóxicos, o desenvolvemento de sistemas de produción e comercialización de quilómetro cero para facer fronte á emerxencia climática.

Entre as medidas que o BNG considera prioritarias destacou o apoio á mobilización e recuperación de terras abandonadas para cultivos de horta, árbores froiteiras e outros aproveitamentos agrogandeiros; o fomento do aproveitamento multifuncional do monte -incluíndo a produción gandeira e a produción de froitos, castañas, cogomelos-, e a creación de instrumentos de financiamento sen xuros para iniciativas locais de emprego, con especial atención a iniciativas impulsadas por mulleres e por persoas mozas.

Tamén indicou que é preciso o fomento da economía social e do cooperativismo para a prestación de servizos comúns e para o rexistro sanitario dos produtos alimenticios, o apoio a iniciativas de transformación dos produtos para gañar valor engadido, a creación de marcas de calidade e de promoción dos produtos frescos, ecolóxicos e de kilómetro cero, e a potenciación dos mercados locais e da interrelación entre o rural e o urbano.

Outro dos aspectos a ter en conta, dixo Bará, é a necesidade de fomentar a compra pública responsábel e da contratación de entidades de economía social por parte das administracións. Subliñou que o BNG considera fundamental que a Xunta de Galicia e as demais administracións públicas apoien as entidades de economía social e as iniciativas locais de emprego coa “compra pública verde e responsábel, por exemplo mediante o subministro de produtos frescos e de proximidade para comedores escolares e para restaurantes e cafetarías de equipamentos públicos como hospitais, universidade, sedes administrativas, residencias de terceira idade ou escolas infantís”.

Unha vez expostas as iniciativas nacionalistas sobre comercio local e produtos de proximidade, Bará sinalou que é o momento de que Galiza viva un cambio galego real, dando paso a un proxecto sólido e de futuro como o do BNG fronte ao esgotamento do PP. O nacionalista indicou que o BNG pon encima da mesa cara ao 5A un programa serio e sustentable cun liderado, o de Ana Pontón, que suporía unha revolución por seres feminista e nacionalista, o que daría “unha incrible tarxeta de presentación de Galiza no mundo”. “É preciso abrir un tempo novo”, finalizou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG