Galegas 2020

Luís Bará aposta por converter Galiza nun referente internacional do vídeo-xogo e os contidos dixitais

Encontro vídeo-xogo
Encontro vídeo-xogo

O candidato do BNG subliñou hoxe en Pontevedra a potencialidade económica e de creación de postos de traballo que ten esta industria, para a que comprometeu a elaboración dun plan estratéxico

Subliñou que hai profesionais galegos e galegas nas maiores compañías do mundo, “un talento que é preciso traer de volta”

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, avogou hoxe en Pontevedra por destacar Galiza como un referente internacional na industria do vídeo-xogo e subliñou que o BNG traballará arreo dende o Goberno galego por potenciar e impulsar o sector. Así o manifestou hoxe nun encontro cunha representación de colectivos, asociacións, e profesionais no que subliñou a importancia e o movemento económico que supón o vídeo-xogo en xeral, maior incluso que o cine e a música a nivel do Estado, así como o seu potencial na creación de postos de traballo de diferentes sectores.

Bará destacou que o vídeo-xogo é o grande esquecido da Xunta de Galiza, para a que non existe, cando na realidade “é un sector que ten un enorme potencial e posibilidades de medrar, e mesmo de converter Galiza nun referente da industria do vídeo-xogo, dos contidos dixitais, e da animación”. Subliñou que se trata dun campo que facilita múltiples saídas profesionais non só de programación informática senón tamén para a música, a interpretación, o deseño, a ilustración, ou campo da tradución e interpretación. “Ten unha grande potencialidade de creación de traballo se hai un impulso e unha aposta decidida por parte do Goberno galego como queremos que haxa dende o BNG”, subliñou.

O cabeza de cartel destacou que a Administración galega debe ser “un motor e un tractor de actividade nos vídeo-gogos e os produtos dixitais”, xa que estes campos teñen moitas posibilidades e aplicacións no ámbito educativo, cultural, nos museos, no turismo, e para a propia administración, que –ao seu entender- debe elaborar produtos máis modernos para comunicarse coa cidadanía.

Bará puxo sobre a mesa a necesidade de que haxa estruturas estables dentro do sector e que haxa, sobre todo, unha estratexia, un plan estratéxico de país arredor da industria do vídeo-xogo para poder desenvolver todas as súas potencialidades. “Iso será tamén o motor de que saian proxectos e produtos para o mercado do entretemento que é realmente o que move máis economía e o volume de negocio a nivel internacional”, dixo.

Tamén sinalou Bará que o BNG no goberno galego impulsará este sector de maneira que se poida traer de volta a unha parte de todo o talento e profesionais que tiveron que marchar porque aquí non tiñan oportunidades e tamén de facer de Galiza un destino atractivo “para que veñan para aquí profesionais, xente nova e con iniciativa que poida vivir e traballar aquí neste sector que ten moitísimo potencial de crecemento”.

No encontro co cabeza de lista participaron, ademais dos concelleiros de Pontevedra Eva Vilaverde, Carmen Fouces, Alberto Oubiña e Xaquín Moreda, representantes da Asociación Gaming Troop, do xornalista e editor da revista Morcego Carlos Pereiro, así como co arquitecto especializado en contornas virtuais, Evelio Sánchez, así como -de maneira virtual- do Museo do Vídeo-xogo de Cangas –MuVi-.

Na reunión Pereiro destacou que no sector do vídeo-xogo a día de hoxe é “todo campo e podemos sementar e colleitar moitas cousas”. Subliñou que hai estudos e iniciativas en Galiza, así como moitos traballadores e traballadoras galegas en compañías de todo o mundo que non ficaron no país porque non existe un tecido cultural e industrial do sector suficientemente desenvolvido. Pola súa parte, o arquitecto Evelio Sánchez Juncal, puxo de manifesto a importancia de que a administración pública potencie a creación dun tecido estruturado e colabore na posta en marcha de eventos e un calendario de actividades.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG