Galegas 2016

Luís Bará: “A AP-9 debe estar xestionada dende Galiza”

Acto público en Moraña
Acto público en Moraña
  • O candidato do BNG por Pontevedra asegurou hoxe en Moraña que é “unha estafa” que galegos e galegas paguen as peaxes máis caras do estado
  • Afirmou que é preciso apostar pola mellora da seguranza viaria na rede galega de estradas en lugar de pola “cultura do asfalto” do PP

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Moraña que a AP-9 debe estar xestionada dende Galiza. Bará participou no mitin celebrado na Casa da Cultura ‘Castelao’ e reivindicou a transferencia desta infraestrutura, da que depende a mobilidade de millóns de galegos e galegas, para que deixen de pagar as peaxes máis caras do Estado.

O cabeza de lista cualificou de “estafa legalizada” as peaxes da AP-9 e defendeu a necesidade de tomar medidas para camiñar cara a unha progresiva gratuidade a curto prazo, xa que a autoestrada que está amplamente amortizada. “É unha estafa que viaxar entre Tui e Ferrol percorrendo 200 quilómetros sexa o dobre de caro que viaxar os 600 quilómetros que separan Vigo de Madrid”, alegou. Así mesmo, o cabeza de lista por Pontevedra destacou que é un “despropósito político” que nun país con salarios e pensións moi por debaixo da media “teñamos que pagar as peaxes máis caras do Estado” pola decisión do PP de aprobar a prórroga á concesionaria. “É fundamental a transferencia inmediata á Galiza de infraestruturas básicas como a AP-9 e doutras autovías que deben ser totalmente gratuítas”, subliñou.

Acto público en MorañaAsí mesmo, o nacionalista defendeu que o novo goberno galego co BNG á fronte debe abrir “un tempo novo” para as infraestruturas na rede viaria galega dando prioridade á conservación e a mellora da seguranza viaria en lugar de apostar pola “cultura do asfalto e de construír estradas e máis estradas de grande capacidade moi custosas”. Ao seu entender esta liña seguida polo Partido Popular nos últimos anos tivo consecuencias nefastas en canto a número de accidentes e vítimas por supoñer un “culto ao automóbil e á velocidade”.

Bará lembrou que a ‘cultura do asfalto’ puido ser necesaria no momento en que as vías de comunicación galegas estaban nunha situación realmente precaria, mais destacou que a día de hoxe só se debe construír unha nova grande infraestrutura cando estea moi xustificado. “É preciso inverter as prioridades, que a seguranza viaria e a adaptación das vías respondas ás necesidades reais e á diversidade de Galiza”.

Por esta cuestión, Bará avogou por elaborar un Plan Nacional de Transportes e Infraestruturas que atenda a criterios de racionalidade, sustentabilidade e eficacia e que teña como criterio a prioridade para conservación e a mellora da seguranza viaria, potenciando as mobilidades peonís e ciclistas.

Así mesmo, Bará quixo poner en valor a marca BNG e subliñou que a actuación dos gobernos nacionalistas do BNG “diferénciase dos demais alí onde goberna porque temos proxecto de futuro para o país, ideas claras, experiencia e valentía para levalo a cabo”. De feito, o nacionalista subliñou que tanto o Concello de Pontevedra como a Deputación provincial están a desenvolver nestes momentos políticas de aposta por unha mobilidade sustentable como a que o BNG quere levar adiante na Xunta de Galicia.

“Debe haber continuidade neste tipo de políticas en todas as institucións. Traballar de forma coordinada suporía un grande avance para a mellora da mobilidade de todos os galegos e galegas, e non chega con ter claro o que se quere facer… Hai que saber facelo, e así o demostramos con gobernos serios, solventes e valentes”, subliñou.

Bará volveu pedir o voto aos veciños e veciñas de Moraña salientando a necesidade de que Galiza teña con instrumentos políticos, financeiros e sociais propios para encarar os retos de futuro “e abandonar a submisión e a mansedume, plantando cara a Madrid e a Europa”.

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra estivo acompañado polo portavoz municipal de Moraña, Marcos Suárez; a deputada provincial e veciña do concello Eva Vilaverde; así como polo ex parlamentario Guillerme Vázquez.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG