Galegas 2020

Luís Bará: “O 5A temos a opción de que Galiza sexa gobernada dende aquí e non dende Madrid”

Encontro Caldas de Reis
Encontro Caldas de Reis

O cabeza de lista subliñou que o Bloque ten a mellor candidata, Ana Pontón, e un proxecto de goberno gañador para liderar un tempo novo

Caldas de Reis foi hoxe escenario dunha asemblea operativa da formación nacionalista para poñer a andar a campaña do 5A

“O 5A tempos a opción de que Galiza sexa gobernada dende aquí, da man da única forza política coas mans libres, o BNG, e non dende Madrid”. Así falou o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas do vindeiro 5A, Luis Bará, durante a súa intervención na asemblea operativa celebrada hoxe en Caldas de Reis.

Bará reuniuse con militantes e simpatizantes da formación nacionalista para poñer a andar a campaña das galegas. Subliñou que no vindeiro mes é necesario poñer en riba da mesa que o BNG ten un proxecto de goberno propio, baseado nas necesidades de galegas e galegos e listo para abrir un tempo novo en Galiza, así como a mellor candidata, Ana Pontón, que “entrará na historia por ser a primeira muller, feminista e nacionalista, que goberna na Xunta de Galiza”.

Segundo asegurou o nacionalista, o cambio galego será posible sempre e cando haxa unha grande mobilización e activación do voto que tradicionalmente queda na casa nas eleccións galegas. Subliñou que a participación será o elemento ‘chave’ para sacar a Feijóo da Xunta, e explicou que o Bloque centrará a súa campaña no voto urbano (cidades, cabeza de comarca e vilas do país), no voto da xente moza e no voto das persoas rebeldes e descontentas coa situación de parálise que está a vivir Galiza. “Todas as persoas que lle queren a este país teñen que saber que poden poñer as súas esperanzas en nós. Non imos fallar para que este país teña un futuro mellor”, afirmou

A campaña do BNG, dixo Bará, será propositiva, enérxica, ofensiva e con moitos plantexamentos de futuro fronte “á decadencia, fastío, e sumisión” á que o PP levou a Galiza. Como catro grandes eixos do guión do futuro goberno destacou a necesidade de poñer o rural a producir, de desenvolver unha axenda urbana sustentable, de apostar pola mocidade e de poñer enriba da mesa “máis feminismo”.

O cabeza de lista por Pontevedra indicou que o BNG dispón de datos cualitativos e cuantitativos que auguran moi bos resultados para a formación nacionalista, tanto pola simpatía que xera Ana Pontón, pola intención de voto entre a xente moza de ata 30 anos, así como polo reforzo que supuxo volver ter representación en Madrid. “Son datos motivadores que nos dan forzas”, subliñou, para asegurar que “saímos á ofensiva, a gañar!”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG