A loita contra a violencia machista ten que ser unha prioridade do goberno da Xunta e do Estado

anaferrol
  • Ana Pontón participou nas xornadas organizadas pola Asociación de Mulleres do Barrio de Caranza e a Asociación Cultural e Artística Ti e máis Eu Teatro en Ferrol
  • “Ninguén pode negarnos o dereito a ser o que cada muller queira ser. Nin a nós, nin as nosas fillas, nin as fillas das nosas fillas”, salienta nunha charla organizada pola Asociación de mulleres de Caranza
  • Educar en igualdade e lexislación contra a discriminación, ferramentas clave para combater esta lacra social

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que a violencia de xénero é unha “pandemia mundial” que cada ano “rouba” a vida de miles mulleres e de nenas en todo o planeta, como demostran os arrepiantes datos aportados pola ONU: O 70% das mulleres sofre algún tipo de violencia machista ao longo da súa vida e só en Europa, 25 millóns sofreron violencia física o ano pasado.

No Estado español, en 2015 o tráxico saldo foi de 64 asasinadas, 8 en Galiza, na faciana máis extrema do terrorismo machista, indicou Pontón na charla-coloquio nun acto contra a violencia de xénero organizado pola Asociación de Mulleres de Caranza, en Ferrol, e pola Asociación cultural TI e Máis Eu.

Ante estas cifras, a líder nacionalista considera inexplicable que a loita contra a violencia de xénero non sexa unha prioridade política tanto no Estado como no Goberno galego. “Decepciona ver como a igualdade real, a loita contra violencia machista non é unha prioridade de Estado, reducida a unha cuestión que apenas mereceu atención nos discursos de toma de posesión nin do presidente da Xunta, nin do presidente do goberno español”, denunciou.

Pontón salientou que hai avances, pese ao “duro e longo” camiño que aínda queda por percorrer, e apostou pola educación en igualdade e pola lexislación contundente como as mellores ferramentas para combater esta lacra social, unha loita, dixo a portavoz nacionalista, na que o BNG non se renderá nunca.

“Se hai unha loita na que o BNG nunca baixará os brazos, na que nunca se renderá, esa é a loita contra a violencia de xénero, tanto na súa cara máis crúa dos asasinatos machistas, como na violencia de menor intensidade que cada día sofren miles de mulleres e de nenas na escola, no traballo, no entorno social. Ningunha discriminación, ningunha desigualdade é tolerable, ninguén pode dicirnos as mulleres como vivir a nosa vida, e ninguén pode negarnos o noso dereito a ser o que cada unha de nos queira ser. Nin a nós, nin as nosas fillas, nin as fillas das nosas fillas”, proclamou.

Aportacións do BNG

Pontón puxo en valor o traballo realizado polo BNG para combater a violencia machista, tanto na rúa como nas institucións nas que goberna, con plans de concienciación e de axuda ás vítimas impulsados desde os concellos, ou a lexislación aprobada durante o bipartito desde a Vicepresidencia da Igualdade, a Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

“Supuxo unha mellora substancial sobre a normativa estatal porque amplía o concepto de violencia de xénero indo máis alá da relación de parella e inclue na definición a violencia física, a violencia psicolóxica, a violencia económica, a violencia sexual, o acoso sexual e o tráfico de mulleres e nenas”, salientou Pontón, quen tamén fixo referencia ao “salario da liberdade” prestación vital para as vítimas impulsada polo Bloque.

Neste sentido, Pontón avanzou que o BNG vai seguir propoñendo novas medidas lexislativas como a inclusión do termo feminicidio e a elaboración do estatuto da vítima de malos tratos. Igualemente, medidas concretas a favor da igualdade real, como excluír de contratos públicos ás empresas que discriminen salarialmente ás mulleres ou facer obrigatorio o goce do permiso por paternidade para axudar a conciliación real e mudar roles preestablecidos.

Pontón alertou contra a violencia de “baixa intensidade” e as novas formas de agresión como o ciberacoso, “que se está cebando particularmente na xente moza”, e advirte da vixencia de modelos discriminatorios que se pensaban atallados, como os que se recollen no Informe anual de violencia de xénero de 2015.

“Deixa conclusións moi preocupantes, como que o 25% das mozas entre 16 e 19 anos considera “normal” que a súa parella controle as súas relacións persoais, ou o feito de que un de cada tres mozos de entre 12 e 24 anos consideran que as vítimas son as responsables das agresións machistas”, alegou a portavoz nacionalista.

“Demostran que continúa a ser urxente inverter en educación, en sensibilizar contra os comportamentos sexistas que seguen dominando as relacións entre homes e mulleres, perpetuando os mesmos roles de discriminación entre a xente moza”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG