A liorta entre Feixóo e Caballero prexudica a veciñanza do Morrazo e Vigo no transporte metropolitano

Alcaldes e alcaldesas do Morrazo
Alcaldes e alcaldesas do Morrazo

Ana Pontón: “A veciñanza destes concellos está pagando as liortas entre Feijóo e Caballero e esa é a peor maneira de facer política”

Reunión do grupo parlamentario con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais dos gobernos locais de Cangas, Bueu, Moaña e Vilaboa

A liorta entre Feixóo e Caballero prexudica a veciñanza do Morrazo e Vigo no transporte metropolitano

Baixo a premisa de levar “a voz da rúa” á Cámara o grupo parlamentario do BNG mantivo un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsables municipais da comarca do Morrazo organizado en Cangas, para coñecer de primeira man as prioridades dos concellos no que o Bloque lidera a acción de goberno local, e manter encontros con diferentes colectivos sociais como os pensionistas da asociación MODEPEM ou coa Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (ADICAN).

“Recollendo o sentir e as preocupación desta comarca para facelas chegar ao Parlamento”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen encabezou a representación do grupo parlamentario que tamén contou coa presenza da deputada Olalla Rodil, Montse Prado e Luís Bará, así como a rexedora de Moaña, Leticia Santos; de Bueu Felix Juncal; a tenente de alcalde de Cangas, Mercedes Xiráldez; a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández; así como unha ampla representación de concelleiros e concelleiras dos municipios da comarca.

Entre as cuestións que o BNG trasladará ao Parlamento esta a preocupación e o malestar da veciñanza destes concellos pola mobilidade entre a comarca e a cidade de Vigo.

Neste sentido, Pontón recolle “a preocupación crecente polo problema da mobilidade que está xerando un malestar crecente entre a veciñanza dos municipios da comarca”, indicou. Problema de mobilidade derivado das obras de Rande “que non estaban previstas e das que os concellos non foron informados, que están provocando que un traxecto que habitualmente se realiza en vinte minutos supere a hora de duración causando retrasos na chegada aos centros escolares ou ao traballo”.

Pontón cualificou de “indecente” a maneira de actuar do PP “que fai o que lle peta sen importarlle a repercusión que teña na vida da xente, neste caso coa inauguración dunhas obras inacabadas unicamente para subir en diferido as peaxes creando un caos por falta de planificación nas obras e entorpecendo a mobilidade”, denunciou.

“Pero por si isto fose pouco para limitar a mobilidade da veciñanza do Morrazo temos o problema da paralización da execución do transporte metropolitano de verdade debido a que as liortas continuas do presidente da Xunta co alcalde de Vigo teñen como consecuencia a paralización dun plan que xa estaba acordado que suporía unha rebaixa moi importante do prezo dos billetes e unha redución tamén da necesidade de usar o vehículo privado”.

ANAPONTON REUNION ADICAM MORRAZOCumprimento do convenio de transporte metropolitano

“Vemos como os lios partidistas do PP e do PSOE os pagan a veciñanza deste concello e imos reclamar no Parlamento unha solución a este problema solicitando que se cumpra o convenio asinado e se poña fin a esta situación porque, insisto, os veciños e as veciñas non teñen que pagar as liortas entre o señor Feijóo e o señor Caballero porque esa é a peor maneira en que se pode entender a política e por iso imos levar iniciativas ao Parlamento sobre este asunto”, avanzou Pontón.

A dirixente do Bloque aproveitou este cumio municipal para poñer en valor os gobernos liderados ou participados pola formación nacionalista en Cangas, Bueu, Moaña e Vilaboa.

“Poñemos en marcha proxectos transformadores, con solvencia e con capacidade e os concellos desta comarca están a ser referentes de municipios abertos, preocupados pola veciñanza, vilas onde as cousas funcionan razoablemente”, indicou, “estamos orgullosas aínda que sen conformismo porque hai moitos temas polos que seguir pelexando e traballando para que as persoas teñan mellores servizos públicos e mellor calidade de vida”, salientou Pontón.

A tenente de alcalde de Cangas, Mercedes Xiraldez, que actuou de anfitrioa deste encontro entre responsables municipais e [email protected], salientou que  o obxectivo era “ter un contacto directo cos colectivos, palpar no terreo as demandas destes concellos e poñer en valor a xestión por e para a cidadanía que está a facer o BNG nos municipios da comarca, que se está notando no día a día”, salientou.