Lanzada a campaña de celebración do Día da Patria Galega co lema “Galiza, a nación que compartimos”

Xavier Campos: “Propoñemos un novo proxecto de país inclusivo e beneficioso para a grande maioría social, nacionalista ou non nacionalista”

Quere converter o 25X nunha gran mobilización social en contra da discriminación do Estado coa sociedade galega

O BNG presentou a campaña de celebración do Día da Patria baixo o lema Galiza, a nación que compartimos para simbolizar a aposta por un novo país, inclusivo e beneficioso para todos e todas: “Creemos que é o momento desde o nacionalismo de propoñer un novo proxecto de país inclusivo e beneficioso para as grandes maiorías, para os que son nacionalistas e para os que non, para o conxunto da sociedade”, sintetizou na presentación o coordinador de Comunicación, Xavier Campos.

Esta idea está presente no traballo político do Bloque ao longo dos últimos meses,  -plasmado nas propostas de país “formuladas con altura de miras para concitar consensos”-, e está presente tamén no lema e na representación visual da cartelería, cunha suma de mans estendidas e unidas a favor dun país novo.

 “O 25 de Xullo é a festa de todos os galegos e galegas, nesta nación que compartimos”, recalca Campos.

Xunto con esta mensaxe de inclusión, o BNG tamén ten como gran obxectivo converter a celebración do Día da Patria nunha “gran mobilización social que una aos galegos e as galegas en contra da discriminación e do agravio que padece o país e en defensa dos nosos intereses”, indicou o responsable de comunicación.

Un agravio que se plasma nunha ofensiva sen precedentes contra os intereses dos e das galegas, como o veto á transferencia da AP9, un financiamento discriminatorio, a negativa a sacar adiante unha tarifa eléctrica propia ou o recortazo de 442 millóns de euros nos orzamentos do Estado.

O BNG aposta por unha mobilización na que a cidadanía “asuma o protagonismo” nun momento no que o Goberno galego “está desaparecido e cun Feijóo cómplice necesario da discriminación”, alega Campos. 

“O 25X queremos dar voz a todas as loitas sociais que se están a dar neste momento, porque estamos nun punto de inflexión na loita polos nosos dereitos como traballadores e traballadoras e tamén como pobo”, salientaba a coordinadora de Movementos Sociais, Susana Camba, tras citar ás mobilización do 112, Ferroatlantica, do sector do metal, do transporte ou do ensino público. 

“Pretendemos que se mobilice toda a sociedade, desde abaixo, e para iso estamos traballando con todos os colectivos, asociacións e con todas aquelas persoas que senten este país”, concluía Camba.

Banda sonora de Mini e Caxade

O BNG, como elemento novidoso e de complicidade coa cultura do país, proponse o obxectivo de lanza un tema musical a modo de banda sonora do Día da Patria, que nesta primeira edición ten como artistas protagonistas aos músicos Caxade e Mini, nunha proposta que leva por título Estamos todas canda a ti. “Unen talento, calidade, traxectoria e contemporaneidade”, definiu Campos. O vídeo lanzarase nas redes sociais do Bloque nos próximos días.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG