É lamentábel que o Goberno galego non compareza para dar explicacións polos cortes da luz eléctrica

Olalla Rodil
Olalla Rodil
  • A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil  manifestou que, despois de cinco días aínda hai cinco casas en Guntín sen luz, unha ducia en Navia de Suarna e cortes de electricidade en  vivendas de Lugo e A Estrada.

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil iniciou a súa intervención, no debate das emendas do BNG á Lei de medidas fiscais e administrativas, lamentando a negativa do PP a cambiar a orde do día para que o presidente da Xunta comparecera no pleno e dera explicacións sobre os cortes de subministro eléctrico rexistrados estes días en Galiza.

Olalla Rodil afirmou que o Goberno debería dar explicacións do que está a acontecer en Galiza a día de hoxe porque non é un problema do “cumprimento dos protocolos das eléctricas” durante o temporal. A nacionalista lembrou as palabras pronunciadas por unha  veciña na Televisión pública galega denunciando que  “ non se cumpre coa limpeza dos tendidos eléctricos e cando hai temporal, as árbores que tiñan que ser taladas caen enriba do tendido”.

A parlamentaria  manifestou que, despois de cinco días aínda hai cinco casas en Guntín sen luz, unha ducia en Navia de Suarna e cortes de electricidade en  vivendas de Lugo e a  Estrada.Na súa opinión, resulta “vergoñento” que un país produtor de enerxía excedentaria teña a veciñanza “cinco días sen luz” e  nalgúns casos con vivendas moi próximas aos encoros.

A comezo da sesión plenaria, a portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón pediu alterar a  orde do día e introducir a comparecencia do Goberno para  explicar as    graves consecuencias provocadas polos sucesivos temporais, mesmo con perda de vidas,  ademais de en   propiedades privadas, servizos, equipamentos públicos e infraestruturas. Os votos en contra do Partido popular impediron que prosperara a reclamación do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG