Industria confirma ao BNG que a empresa Pizarras Veira do Río será precintada

Olalla Rodil en comisión parlamentaria
Olalla Rodil en comisión parlamentaria

O director de industria, Bernardo Tahoces confirma á deputada do BNG, Olalla Rodil que hoxe a autoridade trasladou “por segunda vez á empresa a orde de Industria” para cesar a actividade mineira polas irregularidades detectadas e que procedería de inmediato ao “precinto da canteira”

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno que medidas tomou ante as irregularidades detectadas na empresa Pizarras Veira do Río en dúas canteiras, cuadrículas 5646 As Revas e 5873 Ampliación das Revas e ante os graves prexuízos causados aos veciños e veciñas das parroquias  de Lindín e Santa María Maior no concello de Mondoñedo.

Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces recoñeceu as irregularidades da empresa que figuran nas denuncias  presentadas pola Plataforma de afectados polas Louseiras e afirmou que foi emitida unha orde para paralizar a actividade, orde que a empresa, recalcou, non cumpriu polo que hoxe mesmo foi trasladada outra orde a través, esta vez da autoridade pertinente e se procederá ao precinto da mesma.

 A deputada do BNG explicou  que actualmente a canteira 5873 non ten actividade mais a das Revas, cuadrícula 5646 continúa funcionando a pesar  de ser  declarada ineficaz polo Concello de Mondoñedo. A maiores, dixo a nacionalista,  a empresa non contaba coa documentación requirida nin estaban en regra  os   “informes sectoriais e autorizacións esixidos pola  Lei de Solo de Galiza, de 2016”.

A nacionalista asegurou que existen denuncias do SEPRONA e da Garda Civil por ruídos e mesmo os  servizos técnicos municipais comprobaron a destrución de viais públicos sen que  o  Goberno local iniciara algún tipo de expediente ou reclamación.

Olalla Rodil saudou a decisión da consellería de  Industria de paralizar a actividade da canteira e o seu inmediato precinto e reclamou que a “Xunta vele polos dereitos dos traballadores” que levan tres meses sen cobrar os salarios e dúas pagas extra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG