Montse Prado

É indecente a inacción da Xunta ante quen o perdeu todo na explosión da pirotecnia ilegal de Tui

Afectad@s explosión Paramos
Afectad@s explosión Paramos

A atención debe cubrir aspectos materiais, físicos, socias, mais tamén emocionais e psicolóxicos.

Despois da traxedia ocorrida o pasado 23 de maio no lugar de Paramos en Tui, coa explosión de material pirotécnico almacenado de xeito totalmente irregular, é preciso prestar á máxima atención ás persoas afectadas. A atención debe cubrir aspectos materiais, físicos, socias, mais tamén emocionais e psicolóxicos.

“Estanse atendendo algúns dos aspectos materiais aínda que dun xeito totalmente insuficiente, mais son os psicolóxicos, os que pasados xa 41 días do impacto da traxedia, empezan a ser motivo de preocupación, e consideramos que é preciso dotar de recursos para atender este aspecto no propio centro de saúde de Tui”, reclamou a deputada por Pontevedra, Montse Prado, ante o director xeral de Asistencia sanitaria da Xunta, Jorge Aboal.

“É preciso axudar ás persoas que perderon as súas vivendas, os seus recordos,  que o perderon todo, que viven de prestado, axudalas a recuperar o equilibrio roto pola situación que están vivindo, facilitar o control da situación, axudar a entendela, evitar secuelas”, alegou a nacionalista, crítica co “indecente” inacción da Xunta que só ten como proposta derivar ao Alvaro Cunqueiro a asistencia psicolóxica a persoas que non teñen nin como desprazarse ao hospital vigués.

“A irrupción dun desastre desta magnitude sobrepasa a capacidade de abordalo e superalo de moitas das vítimas, en particular ás persoas maiores e @s nen@s”, indicou Prado, porque estamos ante persoas “esgotadas, de baixa laboral, persoas ás que lles costa levantarse da cama e mesmo pasan días sen facelo”, explica.

As vítimas realoxadas son as que peor están vendo como o tempo pasa sen poder recuperar a vida que perderon no sinistro, e as que seguen nas súas vivendas tampouco dan recuperado a normalidade no medio dos destrozos sufridos sen arranxar e coa veciñanza ausente.

“É evidente que precisan atención psicolóxica profesional continuada e próxima, que debería prestáreslles desde o propio centro de saúde de Tui”, demandou Prado, e hai 35 familias “apuntadas” que reclaman esa atención.

Pese a situación desesperada e as súas peticións, o único que lles ofrece o goberno do PP é o desprazarse ao Hospital Alvaro Cunqueiro que conta cun número máis que escaso de persoal para prestar esta asistencia (1psicologo clínico no Cunqueiro e 1 no Meixoeiro) xa de por si moi saturados de traballo, coa súa axenda de traballo cuberta

“Non hai ningunha xustificación para non dar atención psicolóxica as persoas afectadas pola traxedia de Paramos: Hai demanda, hai unha necesidade máis que xustificada, hai profesionais de psicoloxía máis que de sobra nas listas de contratación e no desemprego, hai espazo no centro de saúde de Tui, só falta vontade política”, concluíu Prado ante falta de propostas da Xunta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG