Xerais 2019

Iago Tabarés: “Precisamos unha vertebración do territorio e o fin da discriminación dos prezos que sufre Ourense”

Ourense
Ourense

O BNG denunciou ante a Estación de tren da cidade os retrasos na chegada do AVE e o prezo abusivo que teñen que pagar para desprazarse polo país

Iago Tabarés, candidato do BNG ao Congreso dos Deputados por Ourense, esixiu a redución do prezo dos billetes de tren Ourense-Santiago. “A discriminación que sofre Ourense é inaceptábel” destaca Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza, que tamén acompañou ao candidato.

Na estación de tren de Ourense, Tabarés e Presas partillaron propostas da organización nacionalista para vertebrar o territorio de Ourense. A 2019, o prezo dos billetes incrementouse até chegar a un total de 17.70€ no tramo Ourense-Santiago, e 25.30€ no caso de Ourense-A Coruña.

O Avant é un servizo de Media Distancia prestados con trens que prestan con trens de alta velocidade especificamente deseñados para viaxes curtos, a diferenza dos trens do servizo AVE. A derradeira liña foi inaugurada en decembro de 2011 e desde entón sucedeuse a supresión de frecuencias do tren rexional que conectaba poboacións intermedias como O Carballiño, Maside ou O Irixo.

“Precisamos un abaratamento nun 30% das liñas que nos conectan coa provincia e o resto do país ademais dunha mellora nas frecuencias e os horarios que temos” sinala Tabarés. Continúa explicando que é por xustiza social e o equilibrio territorial porque, “aínda que Ourense teña unha situación económica e demográfica crítica, estas medidas contribuirán a asentar poboación”. Asemade, “o tren debe ser un servizo público xa que as vías do tren son pagadas con recursos que achegamos todos e todas” sinala o candidato ao Congreso.

Esta liña entra dentro daquelas infraestruturas consideradas Obrigas de Servizo Público. “En 2010, o Partido Popular pedía o soterramento das vías e en 2012 solicitaba o non soterramento da vía” sinala Tabarés. “A única diferenza entre estes dous anos era o cambio de goberno, antes era un goberno socialista e logo un do Partido Pouplar” destaca.

Segundo explica o candidato nacionalista, “o BNG non vai deixar de lado os intereses dos ourensáns e ourensás. Non teremos motivos partidistas. O noso único motivo para estar e ser, é defender aos galegos e galegas”. “Dende o BNG queremos poñer a Ourense por riba de todo e de todos, democratizar o AVE e aproveitar as vías en deuso para unha rede galega de cercanías” finaliza Tabarés.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG