Debate sobre o modelo de financiamento de Galiza

O que hai que pactar é o modelo de financiamento que beneficie a Galiza, non @ expert@

ana ponton-ap9-5
  • Tilda de sorprendente que Feijóo ofreza consenso pola maña e pola tarde o desminta o conselleiro de Facenda facendo unha proposta sen dialogar

A portavoz nacional, Ana Pontón, recibiu a última hora da mañá de hoxe a información do conselleiro de Facenda sobre a proposta da Xunta para enviar á comisión de expertos en Madrid, cuxa creación foi decidida na pasada conferencia de presidentes.

Para a dirixente do Bloque, o importante non é o experto designado senón consensuar entre todas as forzas políticas a proposta de financiamento que beneficia a Galiza en base as alternativas que defende cada quen que, no caso do BNG, é o concerto económico. Un modelo que, cos datos oficiais na man, aportaría 3.500 millóns de euros adicionais.

“O BNG propón un concerto económico que nos daría autonomía fiscal plena, capacidade para recadar todos os nosos impostos e decidir unha fiscalidade xusta que, entre outros cuestións, estableza que as empresas que operan neste país utilizando recursos naturais, tributen aquí, por exemplo as eléctricas”, indicou.

Pontón asegura que o importante nun tema tan transcendente é “superar un modelo que foi inxusto no pasado, -que fai perder a Galiza 3.000M€ anuais-, que non nos permitiu desenvolver a nosa sanidade, a educación ou atender á dependencia”. “O importante é que cheguemos a un acordo de país, pensamos que Galiza non debe quedar atrás no modelo de financiamento e debemos aspirar a todo”, subliñou.

 

Neste sentido, insta a Feijóo a que, dunha vez, explique cal é a proposta do PP, “máis aló de criticar a que formula o BNG e asinar en 2009 un modelo de financiamento que foi un desastre para este país”. Pontón tamén amosou a súa sorpresa polo feito de que o consenso anunciado polo presidente da Xunta en pleno quede reducido a unha chamada de teléfono do titular de Facenda.

 

“Cáusanos un pouco de desconcerto que o señor Feijóo pola mañá nos ofreza consensuar un nome e pola tarde o conselleiro de Facenda desminta esa intención, porque o que fai é comunicarnos unha proposta sen ningún debate nin diálogo, nin ningunha vontade de chegar a un consenso. O que necesita Galiza é unha proposta ambiciosa de país e non unha proposta de bipartidismo harmónico”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG