- Cun caravel vermello e o volume do Sempre en Galiza de Castelao, os seis deputados e deputadas nacionalistas prometeron o seu cargo acatando por “imperativo legal” o Estatuto e Constitución
As deputadas e deputados do grupo parlamentario do BNG tomaron posesión hoxe no Parlamento galego baixo o compromiso de “ser fiel a Galiza e defender os dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos e a súa liberdade”. Cun caravel vermello e un volume do Sempre en Galiza de Castelao prometeron o seu cargo por “imperativo legal” acatando o Estatuto e a Constitución.
Tras a constitución do Parlamento galego, a portavoz do grupo nacionalista , Ana Pontón manifestou ante os medios de comunicación que o BNG fará “unha oposición rigorosa e será a voz das alternativas para sacar a este país adiante”.
Iniciamos un novo ciclo no que dende o BNG considerarmos a política de maneira seria na que debemos exercer con responsabilidade á confianza que nos deron os galegos e galegas. Nós, recalcou Pontón, aspiramos estes catro anos a consolidarnos como alternativa fronte o réxime e o Partido popular en Galiza. “Hai motivos para que as persoas teñan esperanza porque no BNG contamos cun proxecto cohesionado, sólido e firme ademais da ilusión coa que chegamos a esta X Lexislatura para dar o mellor de nós cun grupo avalado polas ideas e todo o apoio que día a día vemos na rúa”.
Ana Pontón asegurou que a nova lexislatura que hoxe comeza coincide co “tempo novo do BNG” cunha oposición que terá un pé no Parlamento e un pé na rúa e para tirar da xente que necesita “unha voz que defenda con contundencia os seus problemas” pero tamén, engadiu, aportando alternativas. Pontón explicou que nos atopamos nun momento complexo e o BNG ten o reto de devolverlle a esperanza e os motivos para sorrir e crer a esas miles de persoas que ven con desesperación que a súa situación non se soluciona. Hoxe, iniciamos unha nova andaina e agardamos que o Partido popular non aplique a súa maioría como “unha apisoadora” e demostre a súa intención de diálogo escoitando as propostas e opinións da oposición.
A preguntas dos xornalistas, sobre a situación política no Estado, a portavoz do BNG mostrouse convencida de que o bipartidismo no Estado, propiciado polo acordo entre Partido popular e Partido socialista está no final dos seus tempos e representa un “modelo caduco”, neste sentido afirmou que o BNG representa unha alternativa de cambio real fronte a consolidación do bipartidismo e a base dese cambio, recalcou, emerxerá das forzas nacionalistas, dos pobos e das nacións sen estado.