congreso

O Goberno español recoñece que non tiña coñecemento de manobras militares de Estados Unidos e Marrocos que afectaron o espazo aéreo das Canarias

Néstor Rego
Néstor Rego

En resposta ao BNG e  Ahora Canarias, sinala que o MAE “trasladou  ao Encargado de Negocios da  Embaixada de Estados Unidos de América (EEUU) en Madrid a preocupación que  causou a situación creada polo  sobrevoo de aeronaves militares estadounidenses na Terminal de Control Aéreo de Canarias”

As manobras aeronavais Lightning  Handshake 2021 decorreron no límite das 12 millas da illa Graciosa a comezos de marzo.

BNG, por iniciativa da organización irmá  Ahora Canarias, rexistrou no pasado mes de marzo no Congreso unha batería de preguntas sobre as manobras militares conxuntas dos Estados Unidos e de Marrocos no límite das augas territoriais das Canarias e que, segundo denunciaron controladores de Gando, afectaron a seguranza do tráfico aéreo civil. O Goberno admite que non foi informado previamente e que tivo coñecemento “a través dos  medios asignados ás operacións permanentes de vixilancia  dos espazos marítimos e aéreos de responsabilidade e interese”.

A iniciativa do BNG e Ahora Canarias sinalaba que buques da VI Frota da  US  Navy, xunto con unidades navais e aéreas de Marrocos, realizaron a principios de marzo “as manobras aeronavais Lightning Handshake 2021 en augas canarias. Trátase do portaavións nuclear norteamericano "Eisenhower" (coa súa dotación embarcada de avións de combate e helicópteros) e unha escolta de dous destrutores, así como unha fragata marroquí e varios  cazabombardeiros do Estado  alauita” e denunciaba que no curso desas manobras “numerosos avións de combate norteamericanos achegáronse a unha distancia de tan só 12 millas da illa Graciosa e provocaron problemas de coordinación do tráfico aéreo nas Canarias”.

Segundo informacións facilitadas por controladores aéreos de  Gando, estes exercicios aeronavais “incluíron operacións de voo sen chamadas previas nin aviso aos centros de control aéreo canarios, representando eventualmente un risco para a seguranza aérea e interferindo no tráfico aéreo civil. Mesmo un avión comercial reportou aviso no  TCAS (Sistema de Alerta de Tráfico e Evasión de Colisión), a moi pouca distancia”.

Na resposta, o Goberno español, aínda que nega incidencias “no ámbito do control de tránsito aéreo en rutas comerciais na zona”, admite que non tiña información previa das manobras, indicando que “no Ministerio de Defensa tívose coñecemento da realización destes exercicios a través dos medios asignados ás operacións permanentes de vixilancia dos espazos marítimos e aéreos de responsabilidade e interese”.

Así mesmo, sinálase que o Ministerio de Asuntos Exteriores trasladou ao Encargado de Negocios da Embaixada de Estados Unidos de América (EUA) en Madrid “a preocupación que causou a situación creada polo sobrevoo de aeronaves militares estadounidenses na Terminal de Control Aéreo de Canarias, considerando que, aínda que non existise obrigación de facelo, sempre é desexábel asegurar a comunicación e coordinación para evitar este tipo de situacións”.

Na iniciativa, BNG e Ahora Canarias, realizaban ademais unha lectura política destas manobras, “pois prodúcense mentres se manteñen as hostilidades militares entre o Reino de Marrocos e a Fronte Polisario, e no marco do recente recoñecemento do goberno dos Estados Unidos da soberanía marroquí sobre o Sahara”, reprochando ao Goberno español que permitise o uso das súas augas e do espazo aéreo para a realización dunhas manobras “que se traducen politicamente tamén na negación do dereito á autodeterminación do pobo saharauí”.

O deputado do BNG, Néstor Rego, considera “sorprendente” que os Estados Unidos e Marrocos poidan realizar manobras militares que afectan as augas territoriais e o espazo aéreo do Estado sen que o Goberno español tivese información previa e recrimina ao executivo “que non houbese unha resposta máis contundente fronte a unha actuación unilateral destes dous estados, o que confirma -unha vez máis- unha actitude de submisión aos Estados Unidos e aos intereses de Marrocos, especialmente en relación coa descolonización aínda pendente do Sahara Occidental”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG