Parlamento Europeo

Galiza Nova presenta en Bruxelas o Plan Retorna para evitar a sangría migratoria

Alberte Mera  e Ana Miranda no Parlamento europeo
Alberte Mera e Ana Miranda no Parlamento europeo
  • A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda denuncia a propaganda de recuperación económica do Partido popular contraria á  “sangría migratoria da mocidade galega”

O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, presentou o Plan Retorna  ás institucións europeas  en Bruxelas  e un conxunto de   iniciativas co obxecto de acadar  o apoio do  Fondo Social Europeo (FSE) e o  instrumento da Garantía Xuvenil Europea.

Alberte Mera asegura  que “é preciso actuar de inmediato, para que as mozas e mozos galegos teñan traballo digno na nosa terra e acorde co seu nivel formativo”. Temos que  aproveitar o investimento que supón ter a xeración mellor formada da historia e que reverta na prosperidade da nosa nación, polo que a Unión Europea ten que coñecer este problema, explicou.

Entre as medidas propostas figuran  os programas de retorno da mocidade investigadora e tecnóloga emigrada; a incorporación laboral en sectores estratéxicos;  apoio ás empresas manufactureiras e industriais para a localización de emprego con atención á contratación de persoas retornadas; así como apoio a través de capital risco para o emprendemento e creación de empresas ou   programa de vivendas en aluguer e o programas de ampliación de estudos.

Alberte Mera reuniuse en Bruxelas  co Secretario Xeral da Mocidade da Alianza Libre Europea Gerard Bona, para incluír o tema central da emigración da mocidade galega nas prioridades europeas do partido político europeo e   participar en diferentes proxectos como unha conferencia sobre migración nos vindeiros meses.

Pola súa parte, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda afirmou que esta  forza nacionalista  leva denunciando a situación da sangría migratoria da mocidade galega en varias iniciativas e  recentemente coa delegación que se trasladou a Bruxelas para denunciar  a precariedade laboral . Asemade, dixo,   iniciouse o contacto na Comisión Europea coa unidade xestora do Fondo Social Europeo(FSE) para Galiza co fin de  presentar o Plan Retorna no futuro.

Miranda recalcou que “Galiza é un país rico, inmensamente produtivo e con grande capacidade industrial,  e coa mocidade máis formada da historia desta nación, punteira en investigación, tecnoloxías e creación de coñecemento” pero dende o ano 2012 a poboación galega menor de 35 anos perdeu máis de 100.000 persoas. Galiza contaba en 2012 con 952.937 mozas e mozos menores de 35 anos, cifra que actualmente se reduce a 848.764.  Para Ana Miranda, “os datos son dramáticos” xa que confirman  que máis de 100.000 mozas e mozos desa franxa de idade víronse obrigados a  emigrar de Galiza desde a chegada de Núñez Feijóo ao goberno da Xunta.

Finalmente, a portavoz nacionalista en Europa afirmou que a pesar  da propaganda da recuperación que fai o Partido Popular, na actualidade “hai moita mocidade  que ten que procurar un futuro fóra do país.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG