Galiza Nova maniféstase en contra da monarquía española coa visita da raíña á cidade de Santiago de Compostela

Galiza Nova
Galiza Nova
Chaman a sumar forzas e á autoorganización para a construción dunha Galiza ceibe e soberana
Galiza Nova maniféstase en contra da monarquía española coa visita da raíña á cidade de Santiago de Compostela

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, levou a cabo unha concentración na capital do país en repulsa á visita da actual raíña da monarquía española co obxectivo de inaugurar o curso da Formación Profesional no Politécnico. As mozas da organización sinalaron que o réxime actual é, ademais de anacrónico, causante da dependencia “do noso país” co estado español. Así mesmo, a organización xuvenil animou a participar ás mozas e mozos galegos nas vindeiras mobilizacións e a mostrar conxuntamente a súa repulsa a este sistema.

Se a organización xuvenil convocaba unha mobilización, celebrada polo éxito da acollida que tivo na sociedade galega, o pasado mes de setembro coa visita do monarca á vila tudense; desta volta concentráronse na capital de Galiza pola visita da raíña ao país. Letizia de Borbón visitou o Politécnico de Santiago de Compostela co gallo da apertura do curso 2020/2021 na Formación Profesional acompañada pola actual Ministra de Educación, Isabel Celáa, e o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo.

Galiza Nova Baixo as consignas “avante, sen tregua, República Galega” e “Fóra, fóra, fóra a monarquía española”, as mozas e mozos concentrados fronte ao Hotel Peregrino quixeron denunciar o actual sistema establecido no Estado español. “Desde Galiza Nova manifestámonos hoxe en contra da visita da raíña, en contra dunha monarquía española, antidemocrática e corrupta” sinalou a responsábel comarcal de Galiza Nova Compostela-Ordes, Rebeca Cambeiro. Así mesmo, criticou o papel das forzas de ocupación e a súa presenza nas aulas do país pola visita da monarca a Santiago de Compostela.

A propia organización cualificou como “anacrónica” e a monarquía ademais de ser “a causante da dependencia de Galiza ao Estado español”. Esa mesma dependencia é a causante tamén “de ter os salarios máis baixos, de que non poidamos expresarnos libremente na nosa lingua, de que as mozas non poidamos ter proxectos de vida dignos e estables”.

Nese sentido, Galiza Nova chamou a sumar forzas dentro do soberanismo galego e animou ás mozas e mozos do país a autoorganizarse para a consecución dunha Galiza independente que fuxa do anacronismo establecido e da corrupción sistémica. En palabras da responsábel comarcal de Galiza Nova Compostela-Ordes: “unimos forzas pola construción da República Galega ceibe”.

 

Galiza Nova maniféstase en contra da monarquía española coa visita da raíña á cidade de Santiago de Compostela