Galiza Nova chama á mocidade do país a acudir á homenaxe de Rosalía e Castelao

Navia Rivas e Paulo Ríos
Navia Rivas e Paulo Ríos
A organización xuvenil do BNG convoca un acto político na capital galega para o vindeiro 24X previo aos actos do Día da Patria organizados pola organización nacionalista

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, fixo un chamamento á mocidade galega para acudir á vindeira homenaxe a Rosalía de Castro e a Castelao que terá lugar o próximo 24 de xullo na capital galega. O Secretario Xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, e a concelleira do BNG en Compostela, Navia Rivas, animaron a participar no acto político onde tamén participará a voceira nacional do BNG e líder da oposición no vindeiro Parlamento de Galiza, Ana Pontón.

O chamamento da organización xuvenil estivo remarcado no contexto da COIVD-19  e adiantaron que en todo momento, Galiza Nova ten como obxectivo levar a cabo un acto que cumpra cos protocolos socio-sanitarios marcados polo goberno para que as mozas do país poidan acudir sen medo.

O acto, que se levará a cabo o vindeiro venres 24 de xullo ás seis da tarde no Parque de Bonaval, ten como fin homenaxear a dúas figuras importantes da historia galega: por unha banda, a Rosalía de Castro “encarnada na súa figura a loita feminista a pesar de que no seu tempo non se enmarcase neses tempos”; como a figura de Daniel R. Castelao “pola defensa do pobo galego e os dereitos da clase traballadora galega” remarcou a concelleira do BNG en Santiago de Compostela e membro da Dirección Nacional de Galiza Nova, Navia Rivas.

Durante o encontro, intervirán as agora deputadas electas Iria Carreira (A Coruña) e Daniel Castro (Lugo), así como o Secretario Xeral da organización xuvenil e tamén deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos. Asemade, a voceira nacional do BNG e líder da oposición na vindeira lexislatura, Ana Pontón, tomará a palabra en último lugar, seguido dunha intervención musical e a tradicional ofrenda floral aos panteóns de Rosalía e Castelao no panteón de Galegos Ilustres. O remate estará amenizado por unha foliada con músicas do país.

“Homenaxeamos a dúas figuras que están sendo institucionalizadas polo goberno da Xunta de Galiza do PP que nunca confiou en coñecer a esas figuras e dalas a coñecer e divulgar toda a súa obra e o seu pensamento” destacou o Secretario Xeral, Paulo Ríos. Así mesmo, lembrou que esta homenaxe realízase desde hai moitos anos por parte de Galiza Nova e reivindicouno como “un acto totalmente necesario nos tempos que corren onde as figuras, como a de Castelao durante esta campaña, foron totalmente terxiversadas e denotadas por quen non quere que teñamos historia propia”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG