A frota cefalopodeira, máis preto de volver a Mauritania

A Comisión de Pesca da Eurocámara votou a favor de renegociar un novo acordo UE-Mauritania que inclúa a frota cefalopodeira galega. A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda,  cualificou de "moi positivo"  este resultado, que rexeita o actual acordo e insta á Comisión Europea a renegociar un novo protocolo no que estean incluídos os 20 barcos cefalopodeiros con base en Marín.

"O resultado da votación é o primeiro paso para que a nosa frota cefalopodeira galega volte ao caladoiro de Mauritania", salientou Miranda, tras subliñar a "aplastante maioría" do resultado, con 16 votos a favor, -incluído o do BNG-, fronte a 6 votos en contra e 1 abstención. "A presión política e social, sobre todo, a persistente loita da frota para cambiar un acordo inxusto, ten sido definitiva para acadar este resultado da votación tan favorable a nosa frota que o único que pide é poder traballar", explica Miranda.

A votación da Comisión de Pesca foi seguida en directo por tripulantes do sector, representado por José Ramón Silva González, tripulante do Curbeiro, e por Antonio López González, tripulante do Villa Marín.

O resultado da Comisión ten que ser referendado polo Pleno da Eurocámara, e supón un mandato explícito á Comisión Europea, en concreto ao Departamento que dirixe a grega María Damanaki, para renegociar un novo acordo co país africano que inclúa a  frota cefalopodeira galega "é poña fin a unha situación inaceptable que xa ten perxudicado gravemente ao noso sector pesqueiro", concluíu Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG