XERAIS 2019 (10N)

Francisco García: “Busquemos o manancial do noso país porque temos as capacidades para saír adiante”

Francisco García
Francisco García
O candidato do BNG apela ao voto de todas as persoas “que teñen a Galiza no corazón” e queiran unha voz galega propia no Congreso
Francisco García: “Busquemos o manancial do noso país porque temos as capacidades para saír adiante”

O candidato do BNG por Ourense, Francisco García, pechou a campaña electoral apelando á unión do voto de país de todas as persoas que teñen a Galiza na cabeza e no corazón”. Aposta tamén polos sectores produtivos da circunscrición como a gandería e a agricultura ademais da innovación.

Durante o encontro coa veciñanza en Barbadás, a deputada no Parlamento de Galiza, Noa Presas, destacou un Partido Popular á baixa tendo alcaldía só nunha das vilas principais da circunscrición de Ourense, Ribadavia. “Somos a alternativa ás políticas do PP e do PSOE tan lesivas para o noso país” sinalou Presas.

Francisco García, candidato ao Congreso polo BNG en Ourense, apelou ao voto do cabreo: “a todas esas persoas que ven esta repetición electoral con cabreo, convertámolo nun voto construtivo cara o BNG”. Asemade apelou ao voto de todas aquelas persoas que teñen a “Galiza no corazón”, na cabeza e queiran unha voz galega propia no Congreso dos Deputados.

“Busquemos o manancial do noso país porque temos as capacidades para saír adiante” afirmou de maneira metafórica o candidato nacionalista. Chamou tamén  a todo voto progresista decepcionadas “cun PSOE e cun Podemos que puxeron os seus intereses partidistas por riba da cidadanía”.

Con voz propia para o rural galego

Concentrar o voto de país e apostar polos sectores produtivos: derradeiras apostas do BNG nesta campaña electoral. Nunha xuntanza previa coa Federación Rural Galega (FRUGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) o candidato ao Congreso polo BNG adquiriu o compromiso de levar as reivindicacións do sector agrario galego ao Congreso.

Durante a xuntanza, realizaron un repaso da situación actual do sector, dende o viño e o sector forestal, até o eido medioambiental pasando pola carne, o regadía ou a horta e a pataca.

Asemade, Francisco García e Noa Presas debateron coas organizacións nacionalistas do sector agrario temas do debate actual como a Modificación da PDR de Galiza (2014-2020) ou a Reforma da Política Agraria Común (2021-2027), debatida na cámara de Bruxelas.