Feliz e combativo orgullo!

Orgullo 2018
Orgullo 2018

O Día do Orgullo LGBT ofrece a oportunidade para as persoas LGBT saírmos unidas á rúa para manifestarmos que non nos avergoñamos de quen somos e para reclamarmos os nosos plenos dereitos; para vivirmos con liberdade e dignidade nunha sociedade xusta e igualitaria.

O BNG seguirá a apoiar a loita do colectivo LGBT e desde o Grupo de Traballo LGTBI estamos comprometid@s a continuar a traballarmos man na man coas organizacións LGTB para erguermos unha Galiza verdadeiramente libre para todas e todos, independentemente da nosa identidade de xénero ou a nosa sexualidade.
Se ben é certo que a situación das persoas LGBT mellorou en moitos aspectos nos últimos anos, tamén cabe recalcar que os problemas persisten e que a LGTBfobia está lonxe de ser erradicada.

Especialmente grave é a situación que vive o colectivo trans, que sofre a continuada patoloxización que xa denunciou publicamente o BNG no caso da OMS. Hai que pór todos os medios para que non se repitan casos como o de Ekai, o neno trans de 16 anos que se quitou a vida en Euskal Herria a principios do ano, vítima dun verdadeiro asasinato social.

Por isto, apoiamos a demanda dunha verdadeira lei galega e estatal de identidade de xénero que protexan os dereitos das persoas trans, así como o desenvolvemento efectivo da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza que, na realidade, non é máis que papel mollado.

Infelizmente, case 50 anos despois da violenta represión policial contra a comunidade LGBT que tivo lugar en Stonewall (EUA) o 28 de xuño de 1969, resulta necesario denunciar a deturpación que sufriu o Día do Orgullo, tornándose nunha especia de carnaval institucionalizado, carente en grande medida da súa carga política orixinaria. Así, por exemplo, conséntese que o líder de Ciudadanos suba a unha carroza no Orgullo de Madrid en defensa dos ventres de aluguer, nunha mostra flagrante da deriva do gaypitalismo.

O mesmo Orgullo oficialista madrileño tampouco dubida en colaborar abertamente na operación de lavado rosa (pinkwashing) que pretende lexitimar o xenocidio perpetrado polo Estado Sionista en contra do pobo palestiniano, ao convidar a cantante israelí, Netta Barzilai. Hai que denunciar que mentres se desfila e se baila alegremente polas rúas de Tel Aviv baixo o a bandeira arco da vella, a uns 70 Km @s palestinian@s viven en condicións infrahumanas baixo o bloqueo israelí na Faixa de Gaza e na Cisxordania ocupada.

Sen renunciar, pois, a celebrarmos a nosa diversidade, tamén hai que recuperar as lexítimas reivindicacións do colectivo LGBT a través do Día do Orgullo. Por isto, animamos a nosa militancia e simpatizantes a participaren nos diferentes manifestacións e outros actos que se desenvolvan ao longo deste mes en todo o País, berrando moi alto: “Non é un desfile, é unha manifa!”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG