Feliz e combativo Orgullo LGBT 2019!

Día do Orgullo 2019 TW
Día do Orgullo 2019

Este ano marca o 50 aniversario da Rebelión de Stonewall, á raíz da cal naceu o Día do Orgullo LGBT, que se foi espallando por todo o mundo. Nese histórico 28 de xuño de 1969 no nova-iorquino barrio de Greenwich Village, a comunidade de lesbianas, bisexuais, gays e persoas trans, que vivía na clandestinidade e na ilegalidade, uniuse para resistir unha redada policial.

Este momento marcou un antes e un despois no movemento de liberación LGBT, que se caracterizou desde o principio como un movemento propiamente político, plenamente inserido no fervedoiro daqueles anos coa creación de organizacións como a Gay Liberation Front, o grupo de lesbianas feministas radicais Lavender Menace ou Street Transvestite Action Revolutionaries, que se definían como anticapitalistas, antimilitaristas e feministas.

É nesta tradición na que se inscribe a loita en prol dos dereitos das persoas LGBT dentro do BNG en estreita relación coas organizacións de base. Opoñémonos, pois, á tentativa de asimilación e neutralización que representa o gaypitalismo, que o único que persegue é arrogarse da nosa loita para nos domesticar mediante a mercantilización e a despolitización intencionadas da bandeira do arco da vella, o pinkwashing para lexitimar o xenocidio do pobo palestiniano a mans do Estado Sionista, a utilización de homes brancos ricos gays para tentar lexitimar a explotación do corpo das mulleres através das barrigas de aluguer...

A pesar da continuada violencia sistémica á que estamos suxeitas as persoas LGBT e a negación de podermos vivir libremente debido á nosa sexualidade e/ou identidade de xénero, no noso país a situación mellorou neste último medio século. Unha mudanza que se conseguiu grazas unicamente á loita incansábel e abnegada de moitas persoas LGBT que chegaron a pór en xaque o réxime cisheteropatriarcal, a miúdo sacrificando a súa propia liberdade con penas de cárcere por desafiaren o statu quo.

Non se pode deixar que caian no esquecemento nin fiquen marxinadas estas persoas que hoxe forman parte do colectivo LGBT máis idoso, persoas cuxos corpos xa non encaixan dentro dos novos canons de beleza e desexabilidade impostos moitas veces dentro de parte da propia comunidade LGBT. É a estas persoas valentes que debemos os logros e a maior liberade de que hoxe gozamos e por isto a elas vai dedicado o Orgullo deste ano.

E tamén a todas aqueloutras persoas LGBT idosas que viviron e malviviron ás escuras, esmagadas pola pesada laxe da LGBTfobia e da represión, presas do medo a seren rexeitadas, ridiculizadas ou agredidas e que hoxe aínda resulta moitas veces difícil integrar na comunidade LGBT, que con frecuencia se tende a percibir erroneamente como unha loita propia da xente máis nova.

Na Galiza, desde o BNG, celebramos e festexamos a nosa diversidade, mais tamén seguimos a reivindicar este legado combativo de Stonewall, tan necesario aínda hoxe 50 anos despois. Saiamos ás rúas para reclamar os nosos dereitos na Galiza como no resto do mundo!

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG