Ana Pontón

Feixóo opta por Galiza por descarte, movido polo medo aos dossieres e á travesía do deserto dun PP corrupto

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón ironiza sobre o ton reivindicativo de quen se pasou dez anos supeditando os intereses do país a Raxoi, “se ve que o cambio na Moncloa actúa de antídoto contra o servilismo”

Reitera a proposta de defender unha axenda de país ante Madrid

Converter nun acto “a maior gloria de si mesmo” o punto final as dúas semanas de espera ás que someteu aos galegos e galegas é, a xuízo da portavoz nacional, Ana Pontón, o colmo da falta de respecto do presidente da Xunta con Galiza, un acto no que máis que dirixirse ao país que preside se dirixía ao PP, mesmo renegando da lingua propia.

Pontón considera que o dirixente do PPdeG opta por quedarse en Galiza por descarte, tras sopesar pros e contra durante estas dúas semanas nas que a súa axenda persoal estivo por riba do país.

“No BNG temos claro que esa decisión nada ten que ver co seu compromiso con Galiza, non lle imos comprar esa milonga a quen se pasou nove anos subordinado a Raxoi, nove anos poñendo por diante os intereses do seu partido aos intereses deste país, nove anos traizoando aos galegos e as galegas e conducindo a Galiza á irrelevancia política, cun alto custe en termos económicos e sociais”, salientou Pontón.

A líder nacionalista ten claras cales son as verdadeiras motivacións da decisión do presidente dos populares galegos.

“Se decide continuar é porque non quere facer a travesía do deserto electoral que supón coller o mando dun PP condenado por corrupción, porque non é capaz de dar exemplo de rexeneración na súa propia casa pedindo a dimisión dese alcalde-promotor que cobrou diñeiro en negro na venta de vivenda protexida-. Se decide quedarse é porque ten medo aos dossieres que abran novas páxinas do seu álbum de fotos, como as que o mostran navegando pola Ría de Arousa cun narcotraficante, é porque aínda queda unha cascada de sentenzas contra o PP”, enumerou Pontón.

“Estes son os verdadeiros motivos polos que Feixóo tira a tolla para ocupar a vacante de Raxoi”, subliñou, “é o lamentable da súa decisión é que opta por quedarse en Galiza por descarte tras dúas semanas de barallar pros e contras e chegar a conclusión que, dentro da súa axenda de ambición persoal, está era para el a mellor alternativa”.

A dirixente do Bloque lembroulle a Feixóo que “leva dous mandatos supeditando os intereses de Galiza aos do PP e, polo tanto, leva anos fallándolle aos galegos e as galegas”, por iso soa “cínico” o ton reivindicativo expresado no “acto de propaganda persoal”, sorprendente para quen critica os egos en política.

“Tras dúas lexislaturas de submisión a Raxoi agora proclama que Galiza non se vai quedar calada, supoñemos que o cambio no Goberno do Estado xa actuou como eficaz antídoto á súa década de servilismo a Madrid”, ironizou.

“Pode dar a primeira proba dese recén encontrado afán por defender a Galiza apoiando unha axenda galega de país como a que propón o BNG. Non o imos acusar de oportunista, porque o que está en xogo e Galiza e debería ter un presidente digno de tal nome”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG