Feixóo elude responder a Ana Pontón se mantén a súa lealdade con Galiza ou cubrirá a vacante de Raxoi

Ana Pontón
Ana Pontón

O Presidente da Xunta négase a dar luz verde a que o Consello de Contas investigue os 2.500 contratos asinados pola Xunta do PP coas empresas da trama Gürtel

“Se vostede coas fotos dun narcotraficante é a alternativa á corrupción do PP, a situación do seu partido é peor do que di a Xustiza”, alega

Feixóo elude responder a Ana Pontón se mantén a súa lealdade con Galiza ou cubrirá a vacante de Raxoi

A portavoz nacional, Ana Pontón, foi rotunda ao pedir ao presidente da Xunta “que non utilice Galiza como sala de espera VIP” mentres desfolla a margarita do seu futuro político e que aclare se vai seguir como xefe do Executivo galego ate ao final da Lexislatura ou opta por postularse para cubrir a vacante deixada por Raxoi.

“A corrupción do PP provocou a caída do señor Raxoi, e iso abre unha interrogante que vostede ten a obriga de despexar. Vai manter a súa palabra de que Galiza é o primeiro ou prefire postularse para presidir un partido condenado por corrupción?”, interpelou Pontón, “porque o que sería indecente é que utilice Galiza como sala de espera VIP mentres agarda por un avión para Madrid. Sería un insulto para os galegos e as galegas que cobre como presidente da Xunta pero teña a cabeza ocupada cos líos do PP”, argumentou.

Pese ás reiteradas preguntas da dirixente nacionalista, Feixóo evitou responder sobre a súa continuidade na Presidencia de Galiza, limitándose a defender a honorabilidade do PP atando en curto a CRTVG e recitando o argumentario de urxencia fabricado por Génova, ante a sentenza que condena ao PP por montar “un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.

“Nega a condena por corrupción do PP, nega que o caso Gürtel naceu en Galiza da man de Pablo Crespo, nega que o PP galego gañou eleccións dopado con diñeiro negro, que nos papeis de Bárcenas aparecen 1,8M€ en donativos opacos ao PPdG,  que a Xunta asinou 2.500 contratos con 16 empresas implicadas e nega que vostede contratou a empresas da trama para as campañas electorais de 2009 e 2011”, denunciou Pontón.

Neste contexto, o BNG demanda a Feixóo que remita os 2.500 contratos asinados pola Xunta do PP ao Consello de Contas para que sexan investigados. “Senón ten nada que agochar, levante o veto a esa investigación”, reclamou Pontón.

O presidente do PPdG non foi capaz de contestar nin a pregunta de se vai permitir a investigación do Consello de Contas, nin se vai a seguir a fronte do Executivo galego, “unha vez máis veu aquí a facer escapismo”.

“Ten vostede dereito a postularse ao que considere pero, francamente, se a alternativa que ten o PP á corrupción que aparece na sentenza da Gürtel é un Feixóo que ten na súa mochila fotos cun narcotraficante, o seu partido está moito peor do que di a sentenza”, concluíu Pontón, recriminando ao presidente da Xunta pola súa negativa a dicirlle aos galegos e as galegas “se Galiza segue a ser o primeiro ou está á espera de coller un avión para Madrid para suceder a Raxoi”.

Mordaza no Parlamento

O BNG quere expresar o seu estupor pola censura imposta polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen mandou retirar do diario de sesións as frases da portavoz nacional nas que Ana Pontón declaraba que o PP estaba condenado por corrupción, como sentenciou a Audiencia Nacional.

En concreto, a dirixente do Bloque na súa pregunta de control a Feixóo argumentou que o PP “é o único partido de Europa condenado por corrupción” e instou ao xefe do Executivo galego a aclarar se vai seguir a fronte da Xunta até final da Lexislatura “ou se vai postular a presidir un partido condenado por corrupción”. Nada máis concluír esa primeira intervención, Santalices advertiu a Pontón de que ía ordenar a retirada desas expresións, en liña co que xa ordenara na sesión plenaria da véspera, alegou.

Para xustificar esta insólita censura, o presidente do Parlamento citou un informe emitido polos servizos xurídicos da Cámara a petición súa, apelando a que súa experiencia no Parlamento lle capacitaba para adiviñar os argumentos da oposición e, por tanto, para tomar medidas preventivas nunha especie de mordaza anticipada. Unha actuación de censura que o BNG considera intolerable e pola que pedirá explicacións na Xunta de Portavoces.