Feijóo ten que defender os intereses de Galiza, non os da multinacional que quere abrir a mina de Touro

O BNG activa unha estratexia de oposición, mobilización e información a través dos e das concelleiras nacionalistas nos municipios afectados

O BNG activa unha estratexia de oposición, denuncia, mobilización e información social contra a reapertura da mina de Touro a través dos concelleiros e das concelleiras dos municipios afectados por este proxecto de megaminería espoliadora e contaminante, que afecta aos concellos de Touro e O Pino, pero tamén ten efectos directos nos concellos limítrofes e da comarca de Compostela e nos municipios regados polo río Ulla que soportaría de cheo a afectación por metais pesados.

Para frear o que o deputado Xosé Luís Rivas cualificou de “barbaridade”, o Bloque congregou a responsables municipais dos concellos de Touro, O Pino, Rianxo, Catoira, Arzúa, A Estrada, Vila de Cruces, Pontecesures, Dodro, Teo e Santiago para anunciar que se mobilizarán en contra dunha mina cuxo proxecto de reapertura implica a ampliación de 2.000 hectáreas e 120.000 quilómetros  cadrados para facer investigación. 

“Significaría 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alto tonelaxe, balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreo e con perigo directo para as vivendas e todo nunha área con forte actividade agrogandeira que, ademais, estaba incorporando xente moza”, explicou o portavoz municipal do BNG en Touro, Xan Louzao, “aínda hoxe, trinta anos despois de pechada a mina, as augas dos regatos que verten no Ulla seguen rexistrando unha altísima contaminación de metais pesados”, recalcou.

Precisamente, a contaminación que soportaría o Ulla fai que o problema medio ambiental, de destrución do tecido económico e de emprego se traslade a outros concellos e afecte á actividade pesqueira e marisqueira na Ría de Arousa. “Rianxo vive do mar principalmente”, explicou a tenente de alcalde deste municipio, Avelina Cés, “por iso estamos en contra deste proxecto que ten en vilo ao sector porque pon en perigo a actividade pesqueira e marisqueira na Ría de Arousa”.

Con esta mobilización o BNG quere “alertar da dimensión que se esconde detrás deste proxecto de megaminería, auténtica bomba para o medio ambiente, que afecta e miles de veciños e veciñas, que pon en risco miles de empregos na agrogandería e na pesca e marisqueo con risco para a ría máis rica de Europa”, advertiu a portavoz nacional, Ana Pontón, quen está convencida de que a contestación social logrará parar “este novo Corcoesto”.

“Reclamamos a Feijóo que escoite e que poña os intereses de Galiza por riba da avaricia dunha multinacional denegando os permisos solicitados por transnacional que acumula denuncias por contaminación e por delitos contra o medio ambiente”, salientou a dirixente do Bloque. Lembrou que o proxecto de reapertura acumula máis de 1.500 alegacións, ten a oposición de concellos de todas as cores políticas e unha gran contestación social.

“Se fomos capaces de parar Corcoesto, tamén temos que ser capaces de parar este proxecto en Touro que reproduce o mesmo modelo de espolio dos nosos recursos naturais cunha minería que leva a riqueza fora e deixa aquí a contaminación”, salientou Pontón, que critica a indefinición da Xunta: “Non sei a que espera o señor Feijóo para frear este proxecto e defender o medio ambiente, a saúde das persoas e aos sectores sector lácteo, marisqueiro e pesqueiro galegos”, recalcou,

A dirixente nacionalista que se trata dun novo exemplo de depredación mineira  “por que queren esquilmar os nosos recursos, neste caso cobre, non para dar resposta a unha necesidade do país senón para beneficio dunha multinaicional pirata do medio ambiente”. concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG