Galegas 2020

A Executiva do BNG propón a inclusión nas listas de todo o grupo parlamentario tras recibir o apoio unánime da militancia

Grupo do BNG no Parlamento Galego
Grupo do BNG no Parlamento Galego (2016)

Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará, serían cabezas de lista por Lugo, Ourense e Pontevedra respectivamente, e Mini Rivas e Montse Prado repetirían como número dous pola Coruña e Pontevedra

Finalizado o proceso de elección por parte das bases, coa participación de 1.450 militantes, o Consello Nacional dará luz verde ás candidaturas o 29 de febreiro

O BNG avanza na conformación das candidaturas rematado o proceso de elección da militancia a través das asembleas comarcais por todo o país. Nese proceso, as bases nacionalistas expresaron un apoio unánime ao traballo do grupo parlamentario, apoio que é recollido pola dirección nacional cunha proposta na que as persoas até agora deputados e deputadas repiten posto nas listas.

Neste sentido, e facéndose eco da valoración da militancia, a Executiva nacionalista formula como proposta que a candidatura pola Coruña repita como número dous Xosé Luís Rivas, -toda vez que a portavoz nacional é candidata á Presidencia encabeza a lista por esta provincia-; que  Olalla Rodil volva liderar a candidatura por Lugo; Noa Presas a de Ourense e a de Pontevedra por Luís Bará. A tamén deputada na pasada lexislatura, Montse Prado, repite igualmente como número dous na lista por Pontevedra.

Esta proposta supón un referendo das bases ao traballo político, de denuncia e de presentación alternativas desenvolvido polo grupo parlamentario, incluído o seu labor de defensa de todas as cuestións claves para a maioría social do país.

Temas como a sanidade e os servizos públicos, os sectores produtivos, a igualdade real, a loita contra a precariedade, a denuncia da discriminación do Estado, a presentación de alternativas en materia de financiamento, infraestruturas, dereitos e liberdades, así como para incrementar o autogoberno real de Galiza. Ao que se suma un rigoroso traballo de control ao Goberno de Feixóo e de alternativas a década de desfeita do Executivo do candidato do PP.

Desde Allariz, a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, destacou que se trata de candidatos e candidatas que avanzan o perfil das listas que o BNG vai presentar o 5 de abril, combinando renovación e experiencia, cunha aposta decidida pola presenza das mulleres e da xente nova.

“Apostamos por poñer as mellores persoas para darlle confianza aos galegos e as galegas sobre a solvencia do proxecto do BNG para liderar o cambio real a partir do 5 de abril”, salientou Pontón, “apostamos por aquelo que funciona, por persoas capaces e formadas que lle deron voz aos grandes problemas da sociedade galega e esta experiencia é un valor que enriquece ás candidaturas do 5A”.

A líder nacionalista avanzou que a proposta que a dirección nacional vai someter a votación do Consello Nacional tamén incorporará “novidades importantes que suporán unha aportación relevante”, convencida de que o Bloque “ten as mellores candidaturas e a mellor alternativa programática” para pedirlle a confianza desa maioría social que quere cambio real.

Unha presidenta coas mans libres

“Demostramos que temos canteira, que temos persoas preparadas e tamén dispostas a dar a cara e a comprometerse con Galiza, e iso é importante porque urxe abrir unha nova etapa e a única garantía de cambio real é o BNG coas mans libres e para defender os intereses deste país. O que non precisamos é máis sucursalismo de forzas estatais ás que lle marcan o paso desde  as súas dirección madrileñas”.

“Os galegos e as galegas necesitan unha presidenta que defenda os seus intereses ante todo, e esa opción é a do BNG”, recalca Pontón. A candidata nacionalista salientou que  “a palabra de Feixóo vale moi pouco e está claro que se o PP precisa de VOX da igual votar VOX que  PP porque o resultado vai ser o mesmo. Senón fose así Feixóo non tería avalado os pactos coa extrema dereita”, conclúe.

A conformación das listas electorais concluirá coa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, este sábado 29, poñendo fin a un proceso desde a base no que participaron cerca de 1.500 persoas en 25 asembleas comarcais por toda Galiza, incluída a da emigración por vía telemática.

Como resultado desas asembleas, a militancia trasladou á dirección do BNG 234 propostas de candidatos e candidatas, coa constatación dun apoio unánime de todas as asembleas á hora de poñer en valor o traballo do grupo parlamentario.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG