ANA PONTÓN

O espectáculo da investidura de Pedro Sánchez demostra que as forzas estatais levan Galiza á irrelevancia

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional constata que só un BNG decisivo no Congreso é capaz de colocar a Galiza na axenda estatal e defender os intereses do país

Critica que, tras semanas de negociación, non houbo unha soa proposta para o país en contraste co papel que xogan territorios como Euskadi, Catalunya, Canarias ou Cantabria

O espectáculo da investidura de Pedro Sánchez demostra que as forzas estatais levan Galiza á irrelevancia

A unha semana de que se produza unha probable investidura fallida, a portavoz nacional, Ana Pontón, valorou a situación política do Estado que cualificou de “triste espectáculo” do que saca unha conclusión: as forzas estatais, tanto PP como PSOE, conducen a Galiza á irrelevancia política e fanlle perder oportunidades e só un BNG decisivo en Madrid é capaz de colocar ao país na axenda estatal.

“Neste mes e medio de debate e contactos políticos previos ao debate de investidura,  non houbo nin unha soa proposta vinculada a Galiza, a pesar de que temos unha longa lista de agravios e discriminacións por parte do Estado”, salientou Pontón, quen citou como cuestións pendentes acabar coa estafa das peaxes da AP-9, o espolio enerxético, a débeda de 200 millóns de euros en dependencia, un sistema de financiamento que resta 3.500 millóns de euros anuais ou a modernización ferroviaria.

Pese a ter unha “longa lista de necesidades” claves para que Galiza avance, “ningunha forza estatal puxo estas cuestións enriba da mesa, nin forman parte da axenda, nin se fala das necesidades dos galegos e das galegas” en ningún momento ao longo destas semanas de debates, reunións e comparecencias.

Unha situación que contrasta co protagonismo que teñen outros territorios capaces de  poñer en valor as súas demandas ante o Estado. “Si vimos a vascos, vimos a catalás, vimos aos canarias e até vimos aos cántabros, pero Galiza está ausente e desaparecida”, recalcou a líder nacionalista, unha nova demostración de que só un BNG decisivo no Congreso lle da visibilidade e peso político a este país.

“Galiza está ausente, muda e desaparecida”, subliñou, o que volve demostrar que para que se defendan os lexítimos intereses dos galegos e das galegas é imprescindíbel que o BNG sexa decisivo na política estatal.

“A única maneira de que este país teña peso, a única maneira de que haxa avances é que o BNG teña representación en Madrid”, recalcou, ante uns feitos que son “contundentes” e que evidencian que nin PP, nin PSOE poñen sobre a mesa as necesidades de Galiza. “O único que vemos é un pimpampúm estéril, no que as forzas estatais intercambian posicións en función de si están no goberno ou na oposición. E isto non nos vale para nada, só para perder oportunidades mentres outros avanzan”, argumentou.

Irresponsabilidade e infantilismo

Pontón considera que é posible evitar que se repitan as eleccións xerais, “depende dos actores estatais”, indicou, tras mostrarse convencida de que “unha maioría da cidadanía, que se mobilizou masivamente e que xa fixo o seu traballo nas urnas, non entendería esa decisión”. Sobre todo despois de asistir a unhas negociacións de investidura nas que a loita polo poder está deixando de lado o interese xeral.

Neste sentido, Pontón tamén criticou “o nivel de irresponsabilidade e infantilismo da política estatal, na que os egos e os intereses partidistas están pasando por riba do interese xeral. É tremendamente decepcionante ver a unha esquerda española disputándose as cadeiras sen aclarar as cuestións programáticas de fondo”, que son as que realmente lle importan a maioría social.

Cuestión tan relevantes para o día a días das persoas como a derrogación das contra reformas laborais, da LOMCE, da Lei mordaza, o futuro do sistema de financiamento,  o futuro das pensión empezando por recuperar a idade de xubilación aos 65 e garantir o poder adquisitivo, reverter o nocivo proceso de recentralización ou acabar coas leis que impiden recuperar a xestión directa dos servizos públicos en todos os ámbitos de xestión, concluíu Pontón.