Emenda á totalidade para un referendo consultivo sobre a monarquía e polo dereito a decidir

FOTOS AVALIACIÓN MONTORO 2013 003A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada, Rosana Pérez, presentaron hoxe na Cámara Baixa unha emenda á totalidade con texto alternativo ao proxecto de lei orgánica pola que se fai efectiva a abdicación do Rei Juan Carlos.

O BNG deixa claro que “formula esta emenda á totalidade con texto alternativo para que se aborde a renuncia presentada desde unha perspectiva democrática, sometendo a decisión libre e directa de todos os cidadáns o futuro modelo político-institucional baseado no dereito a decidir das nación que compoñen o estado español”.

No texto alternativo, o BNG recolle no artigo 1 que “As Cortes toman coñecemento da abdicación da Xefatura do Estado de Juan Carlos I, e que a abdicación se fará efectiva no momento de entrada en vigor da presente lei orgánica”.

Referendo consultivo polo dereito a decidir

Nun artigo 2, o BNG pide nun primeiro apartado que “nun prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor desta lei, o Goberno convocará un referendo consultivo para someter a decisión democrática un novo modelo político e institucional que, ademáis da determinación sobre o modelo de Xefatura de Estado, recoñeza a soberanía das nacións e o seu dereito a decidir”.

Nun seguinte apartado, as deputadas do BNG engaden que “a aprobación maioritaria do referendo consultivo suporá o inicio de procesos constituíntes onde se recoñeza ás nacións que integran o estado español o dereito de autodeterminación e a súa condición de suxeito de soberanía con capacidade plena para decidir sobre o seu modelo político e institucional”.

O sistema monárquico non nace da vontade popular

O BNG realiza unha longa exposición de motivos no que indica o proceso de abdicación iniciado “consolida un réxime que non ten orixe democrática”. Afirma que o sistema monárquico “non está baseado na vontade popular expresada en comicios libres senón na tradición dinástica”. Ademáis, de que a designación do actual Xefe de Estado como Rei provén da lexislación da ditadura franquista”.

Sinala o BNG que “a actual monarquía encarna, polo tanto, a transición deseñada e executada desde os poderes do réxime ditatorial”. Reprocha ao Goberno e ao bipartidismo que “cunha sucesión automática pretenda deixar intacto non só o símbolo dunha Xefatura do Estado monárquico senón o que simboliza: un estado unitario e centralista que rexeita o exercicio do dereito das nacións e pobos que o integran a poder decidir libre e democraticamente o seu futuro”.

Un novo modelo que recoñeza o dereito a decidir das nacións

As parlamentares do BNG poñen de manifesto que “o trasfondo deste proxecto de lei ten un enorme alcance, pois non regula só un relevo, senón que intenta afirmar a continuidade dun réxime político e institucional que na actualidade está cuestionado”. Para o BNG é incuestionáble que a cidadanía demanda “liberdade e capacidade de decidir”.

As deputadas nacionalistas galegas consideran que “se poderá comezar a edificar un verdadeiro sistema democrático co inicio dun proceso constituínte que supoña unha ruptura cos vínculos do réxime franquista, e a conformación dun novo marco institucional e político que recoñeza o dereito de autodeterminación e da soberanía das nacións que integran o estado en base á vontade expresada pola cidadanía”.

As deputadas do BNG manifestan que a crise económica acentuou a recentralización política. Neste proceso, nacións como Galiza viron como as consecuencias negativas se intensificaban na súa poboación”. Por iso recalcan a aposta do BNG de “reivindicar unha República de Galiza como alternativa á inserción dependente nun modelo de estado que está a practicar políticas anti sociais e de destrución da súa capacidade produtiva”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG