Eliminar os informativos locais da RG ten como obxectivo ocultar os gobernos das cidades que non son do PP

Denuncia a desaparición do Diario Cultural, diluído no resto da programación da radio pública, e lembra que a CRTVG custa 100 millóns de euros

O BNG levou ao Parlamento a supresión dos informativos locais da Radio Galega anunciada pola dirección da CRTVG que, para a forza nacionalista, só se explica pola clara intención do PP de furtarlle aos galegos e as galegas a oportunidade de ter información das cidades que teñen gobernos diferentes aos do Partido Popular, todas as grandes urbes do país con excepción de Ourense.

“Mais aló da súa retórica, a intención que está detrás da decisión de cargarse os informativos locais da radio pública é ocultar a existencia dos gobernos que non son do PP”, denunciou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, na súa pregunta ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, pois eliminan un espazo informativo sobre as  cidades a un ano das eleccións locais.

“Róubanlle a veciñanza das cidades a posibilidade de informarse do que pasa nos seus concellos a través da radio pública, e esta decisión de cargarse os informativos locais na Radio Galega, -que casualidade!-, tómase a un ano das eleccións municipais”, alegou Rodil. Pese a que os e as galegas pagan 100 M€ ao ano para manter aos medios públicos,  “só poden informarse do que pasa nas súas cidades sintonizando unha emisora privada”.

A viceportavoz do Bloque tamén denunciou a desaparición do Diario Cultural, un referente radiofónico cultural do país, que quedará diluído dentro da programación xeral da emisora pública, pese a que a CRTVG ten entre os seus obxectivos contribuír a normalizar a lingua propia, a promocionar e difundir a cultura galega e a defensa da identidade de Galiza, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG