Eleccións galegas sen mailing e igualdade de acceso á RTVG con debates entre candidatos@s

Ana Pontón, portavoz nacional, comparece en rolda de prensa

Supresión do envío masivo de papeletas e debates entre candidatos e candidatas nos medios de comunicación públicos son as dúas medidas concretas que formula o BNG de cara as eleccións galegas, en aras de ganar en democracia e transparencia conseguindo ao mesmo tempo un aforro de recursos públicos.

A formación nacionalista apraza unha reforma da Lei electoral de maior calado, que xa foi vetada no seu día polo PP, e opta por levar ao Parlamento esta proposta que implica unha modificación puntual dun par de artigos ou pode prosperar cun acordo entre os grupos.

“Permitiría reducir en gasto inútil, conseguir que a imaxe da carretaxe sexa dunha vez por todas parte do pasado e, ademais, ganar en democracia incrementando a transparencia e a igualdade aos medios públicos”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, cuestións ambas “nas que debería ser posible conseguir un acordo”.

Suprimir o mailing implica tamén un aforro de dous millóns de euros e a proposición de lei que o BNG levará ao próximo pleno inclúe un debate a dobre volta na CRTVG entre os candidatos e candidatas á Presidencia da Xunta, debates provinciais e polo menos unha entrevista en profundidade a todos e cada un dos cabezas de lista.

“Os medios públicos, que pagamos entre tod@s, non poden estar ao servizo de Feijóo, senón ao servizo do dereito dos galegos e galegas a estar informados. O democrático é que haxa debates en horario de máxima audiencia na TVG e non en horario infantil, e tamén invita a reflexionar comprobar como nas últimas convocatorias electorais os medios privados fan máis debates que os públicos”, indicou Pontón.

A tamén deputada salientou que esta proposta pode saír adiante ben por un acordo para unha modificación puntual de dous artigos da lei electoral ou ben por un consenso político, e xa anunciou “contactos previos ao debate en Pleno con todos os grupos para coñecer a súa disposición”.

“Suporía máis democracia e transparencia e un acceso igualitario aos medios públicos para transmitirlle á cidadanía as propostas políticas coas que cada quen se presenta ás eleccións a pedir o seu voto”, indicou, con independencia de que tivesen representación parlamentaria neste momento. “Da as mesmas oportunidades con independencia do punto de partida”, argumentou.

Platós 1, Parlamento 0 Preguntada polos medios, Pontón valorou o anuncio televisivo de Feijóo sobre a posible data electoral. “O máis lóxico nun sistema democrático sería que o primeiro lugar no que o presidente informa de cando vai disolver o Parlamento sexa precisamente no Parlamento”, ante todos e ante todos medios de comunicación.

En todo caso, salientou a portavoz nacional, o BNG está preparado para enfrontar as eleccións porque “é urxente poñer fin ás políticas que están causando emigración, precariedade, deterioro e privatización dos servizos públicos”. Neste sentido, “canto antes teñamos a oportunidade de asinarlle a carta de despedimento ao señor Feijóo moito mellor”, explicou, “fortalecendo unha alternativa nacionalista que supoña un cambio real para Galiza”.

A candidata á Xunta considera probada a “insolvencia” do líder do PPdG porque deixa Galiza peor que como a encontrou. “Con ese balance, eu non me presentarías as eleccións”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG