Día Internacional da Visibilidade Lésbica:

Construamos xuntas e xuntos unha nova Galiza onde vivirmos en igualdade e liberdade

Man LGBT
Man LGBT

A pesar da aparente parálise total da vida social e económica causada pola actual corentena, o capitalismo e o seu corolario, o cisheteropatriarcado, non descansan: non desapareceron por arte de maxia o feminicidio, o ‘estupro correctivo’ sistemático de mulleres lésbicas ao redor do mundo, nin a lesbofobia e os outros tipos de LGBTfobia.

De feito, lonxe de os atenuar, o confinamento agrava os aspectos máis perniciosos que exerce o cisheteropatriarcado sobre as mulleres e as persoas LGBT que, en moitos casos, se ven obrigadas a voltar a unha casa familiar onde, cortadas da súa rede de apoio habitual, poden sufrir a LGBTfobia familiar, forzadas a se pecharen de novo no armario por medo ao rexeitamento e mesmo à violencia, tanto física como verbal.

Esta nova situación de isolamento en combinación coa posíbel LGBTfobia familiar trae consigo o risco de xerar ou exacerbar os problemas de saúde mental aos cais as persoas do colectivo LGBT e as mulleres están máis expostas, agravado pola imposibilidade de consultar un/ha profesional da saúde mental, ao igual que a risco de levar a un aumento do abuso de substancias, sobre todo o alcohol.

Por isto, resulta máis urxente do nunca reivindicarmos a necesidade da visibilidade das mulleres lésbicas e outras persoas LGBT como parte integral da nosa sociedade. É esencial non ficarmos soas ante esta situación que nos torna aínda máis invisíbeis e máis vulnerábeis. Así, lembramos que, ante calquer dúbida ou dificuldade, se pode pór en contacto en toda confianza coas organizacións LGBT do país, por exemplo Avante LGBT+ con implantación en todo o territorio nacional.

Por culpa da pandemia, este ano van ser previsibelmente canceladas as marchas e manifestacións do Orgullo LGBT. Precisamente por esta razón é imperativo seguirmos a visibilizar os obstáculos que continúan a asolar a vida das lesbianas e as outras persoas LGBT. Por isto, con máis forza do que nunca, o 8 de xuño reivindicaremos o Día de Visibilidade Lésbica Galega en conmemoración do primeiro casamento da historia entre dúas mulleres, Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, na Coruña en 1901, como símbolo da loita LGBT galega.

Non deixaremos de exixir os nosos plenos dereitos, tecendo unha alianza moi ampla de apoio para construírmos xuntas e xuntos unha nova Galiza onde vivirmos en igualdade e liberdade, para alén da nosa identidade sexual e/ou de xénero.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG