Denuncia propia do BNG, que se suma á querela arxentina contra os crimes do franquismo

VENCE NA FUNDA CION ALEXANDRE BOVEDA (17 XAN 2014)Apoio á denominada “querela arxentina” contra os crimes do franquismo, aberta pola Xustiza do país andino tras a denuncia presentada polo galego Dario Rivas, cuxo pai fora alcalde do concello lucense de Castro de Rei fusilado no 36 e, ademais presentará unha denuncia propia ante o consulado arxentino para incluír a investigación da persecución do nacionalismo como ideoloxía e dos e das nacionalistas que, cando menos, “serva de crítica e denuncia dunha ditadura atroz”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, fixo este anuncio na sede da Fundación Alexandre Bóveda en Pontevedra co seu presidente, Valentín Bóveda, onde cualificou de “fracaso da democracia española” o feito de que para investigar os crimes do franquismo sexa necesario saír fora do Estado español en base ao principio da “xustiza universal”.

“Ás forzas maioritarias no Congreso dos deputados debería caerlles a cara de vergoña que nun Estado español que se declara democrático as vítimas da ditadura teñan que recorrer a xustiza arxentina para investigar os crimes cometidos por un réxime cruento”, denunciou Vence, tras lembrar que o BNG foi a primeira forza política que presentou en 2011 no Congreso a proposta de modificar a Lei de Amnistía de 1977 para modificar os artigos que permiten a impunidade.

“Esa lei é un parapeto para os que cometeron crimes do franquismo, cubrindo cun velo a responsabilidade dos autores da represión institucional contra todos os demócratas incluídos moitos e moitas nacionalistas, pero a proposta do Bloque foi rexeitada polo PP e polo PSOE”, explicou o dirixente nacionalista, quen insistiu que esa impunidade “debe derogarse”.

Vence alertou contra o “clima de violencia verbal e argumental similar a de tempos pasados” que está a mostrar unha parte da dereita e da extremodereita española, e cualificou de “inadmisible” que no Goberno central e na Xunta estea un PP “que aínda hoxe é incapaz de recoñecer e condenar os crimes dunha ditadura feroz”.

Desde a Fundación Alexandre Bóveda, Valentín Bóveda, salienta que a institución está preparando a querela pola asasinato de Alexandre Bóveda que remitirá a causa aberta pola xuíza arxentina, Maria Severini, e ofrece a fundación, como entidade xurídica, para poder presentar querelas de calquera outra vítima ou familiares de vítimas do franquismo na provincia de Pontevedra e no conxunto e Galiza.

Igualmente, anuncia que a Fundación promove a posta en marcha dunha Plataforma de apoio á querela arxentina que pretende plural, como xa existen noutros territorios do Estado, á que convida a sumarse a todas as asociacións de apoio ás vítimas, de recuperación da memoria histórica e a todas as forzas políticas.

Vence animou ás vítimas e familiares a presentar denuncias para sumarse á querela arxentina para restituír a xustiza e a dignidade dos perseguidos, “pero tamén como unha necesidade de exercicio democrático para o conxunto da sociedade e para que a sociedade aprenda que hai feitos que non deben repetirse. Para iso ten que haber unha valoración crítica daquela represión”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG